Miranda: "O Fondo Europeo de Pesca debe ter como prioridade o emprego no sector"

Considera que o FEMP debe financiar un programa específico para á frota artesanal e o marisqueo, a seguridade nas embarcacións e conceder axudas aos traballadores en caso de paros temporais

O BNG presentou 75 emendas ao documento lexislativo que regulará o Fondo Europeo e Maritimo de Pesca (FEMP) para o período 2014-2020, dotado cun orzamento inicial de 6.500 millóns de euros, cos que a formación nacionalista quere reforzar o aspecto social e de apoio ao sector pesqueiro galego, en particular, á pesca artesanal e ao marisqueo tradicional ou extensivo.

A demanda dun Programa específico para a pesca artesanal e o marisqueo figura entre as emendas ao FEMP que, segundo o BNG, tamén debe financiar axudas para os traballadores afectados en caso dunha paralización temporal da frota por causas biolóxicas, por incidencias medioambientais ou debido a procesos de renegociación de acordos pesqueiros con terceiros países, como é o caso actual de Mauritania.

Igualmente, a formación nacionalista apoia que este fondo financie aquelas medidas de modernización das embarcacións que impliquen unha maior seguridade para os tripulantes e a construción de novos buques axuliares destinados ás actividades de acuicultura extensiva, posto que se trata de embarcacións recolectoras pero non extractivas e, polo tanto, sen ningunha repercusión nos límites de capturas.

Dentro deste enfoque social que o BNG pretende imprimir ao FEMP, solicita nas emendas axudas para as micro empresas de acuicultura tradicional, fronte ao temor de que a maior parte dos recursos deste fondo europeo sexa destinado a subvencionar grandes plantas de acuicultura industrial, "que apenas xeran emprego e que, por contra, teñen un importante impacto medioambiental e poden chegar a influír negativamente na actividade pesqueira artesanal", explica a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda.

Por outro lado, as emendas nacionalistas defenden que os recursos deste fondo permitan subvencionar a recolocación dentro do propio sector daqueles traballadores da pesca que podan sufrir eventuais procesos de recorversión.

"Para o BNG, a prioridade é que o FEMP contribúa a fortalecer a actividade pesqueira é, polo tanto, ao mantemento e á creación de novos empregos, pero tamén propoñemos que, ante eventuais procesos de reconversión, o fondo permita sufragar a recolocación dos traballadores dentro do propio sector", explica a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, quen advirte contra a diversificación "como suposta panacea para encubrir o que en realidade son procesos de reconversión".