Miranda a Draghi: "E doado ditar medidas de austeridade desde a súa poltrona do BCE"

O Banco Central Europeo (BCE) ten que "redeseñar" as funcións e o rol que está a desempeñar na economía da UE desde o inicio da crise.

A eurodeputada Ana Miranda aproveitou o debate no Parlamento Europeo do Informe anual do BCE  en presencia do seu presidente, Mario Draghi, para denunciar o empeño da entidade en promover medidas de axuste, de recorte e de austeridade que non permiten a recuperación económica e que, no caso do Estado español, se traducen nun continuado incremento da taxa de desemprego.

"Que doado é ditar medidas de austeridade desde a acomodada poltrona que ocupa no BCE señor Draghi, mentres a cidadanía sofre as consecuencias desas medidas: recortes salariais, perda do emprego e unha desprotección crecente pola permanente disminución das prestacións sociais básicas", criticou a eurodeputada na súa intervención.

"Os resultados deberían chegar para cuestionar a eficiencia da política impulsada polo BCE nesta crise e debe motivar un cambio no papel que xoga esta entidade financeira, toda vez que os Estados membros que comparten a moeda do euro renunciaron aos mecanismos da política monetaria", argumentou Miranda.

Miranda tamén criticou a falla de transparencia e de control do funcionamento do BCE que, salientou, "ten sobrepasado as súas competencias cando impón medidas aos Estados membros que afectan as súas políticas orzamentarias, ao mercado de traballo, aos servizos públicos, á fiscalidade e mesmo promovendo privatizacións e políticas neoliberais".

Para a eurodeputada nacionalista, o Parlamento Europeo, como órgano de representación directa da cidadanía, "debe ter un papel crítico con este proceso de austeridade que impide crear emprego, e investir na economía produtiva", concluíu.