Miranda, en contra de descafeinar o informe da Eurocámara sobre as Rías Galegas

O BNG confía en que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo aprobe un informe "realista e con propostas concretas que axuden a completar o saneamento integral das Rías galegas". "Desde logo, non imos apoiar un informe descafeinado que teña como máxima aspiración contentar as autoridades e aos deputados do PP", salientou a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, durante o debate na Eurocámara.

Neste sentido, Miranda salienta que xa existía un texto de consenso elaborado coas aportacións dos tres membros oficiais da delegación que en febreiro visitou as rías galegas, integrada polo eurodeputado do PPE Philippe Boulland, como presidente da delegación, e polas eurodeputadas Angélica Werthmann do grupo liberal ALDE e  Tatjana Zdanoka, do Grupo Verdes/ALE.

"Pero o empeño do Grupo popular en rebaixar o contido dese texto, dando maior protagonismo ás autoridades en detrimento dos peticionarios, ou a pretensión de suprimir calquera referencia á contaminación na Ría de Ferrol, ten provocado a presentación dun informe alternativo por parte de dúas dos tres membros da delegación oficial", salienta Miranda.

O BNG confía en que sexa posible retomar o acordo inicial e aprobar un informe de consenso "con propostas concretas que contribúan ao obxectivo de completar o saneamento das Rías galegas", pero a día de hoxe, a eurodeputada nacionalista apoia o informe alternativo presentado por Werthmann e Zdanoka "ante os intentos de edulcorar o documento inicial de consenso elaborado precisamente entre os membros oficiais da delegación".

"Espera máis de vostede colega Boulland, sobre todo despois das súas declaracións ante os peticionarios e os medidos de comunicación de Galiza, esperaba que liderase a elaboración dun informe a favor de dar solucións ás rías galegas, como reclaman os peticionarios desde 1999. É a eles a quen debe atender esta Comisión de Peticións, non ás autoridades nin aos seus compañeiros de partido", denunciou Miranda.

A eurodeputada salientou que "obviamente" ten habido avances, "faltaría máis tras 30 anos na UE e 25.000 millóns de fondos estruturais", alegou, "pero tamén é evidente que o saneamento non está completado e o informe que saia do Parlamento europeo debe contribuír a ese obxectivo".