Miranda denuncia que a Xunta malgasta fondos europeos mentres ignora o saneamento da Ría do Burgo
A candidata nacionalista, que visitou as instalacións do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) en Oleiros, defendeu que os fondos europeos se empreguen en proxectos que supoñan un beneficio social para a poboación e non en proxectos que unicamente buscan un beneficio económico para grandes compañías, dixo.
Ana Miranda lembrou que a Unión Europea ten aberto un procedemento de infracción contra o Estado español e a Xunta de Galiza polo estado no que se atopan as rías galegas, entre elas a ría coruñesa, que podería ser unha fonte de riqueza importantísima para esta comarca. Sen embargo, dixo o seu estado é unha vergoña, como así puido comprobar a delegación da Eurocámara que a visitou o ano pasado.
O Estado español é o Estado que máis incumpre a normativa ambiental da UE
A candidata do Bloque afirmou que o Estado español é o Estado que máis incumpre a normativa ambiental da UE. Ao igual que fixera esta mañá en Compostela, a cabeza de lista do BNG acusou á Xunta de Galiza de poñer en risco 332 millóns de euros de fondos europeos previstos para a depuración de augas no período 2014-2020 polo mal uso que ten feito destes fondos comunitarios o Partido Popular ata o de agora. Lembrou que a Comisión Europea denunciou diante do Tribunal de Xustiza da Unión Europea ao Estado español por incumprir esta Directiva da Auga, que obrigaba aos Estados membros da UE a ter depuradas as augas das cidades e vilas de máis de 15.000 habitantes o 31 de decembro do ano 2000. Entre as 38 cidades e vilas do Estado español sen depuración 11 atópanse en Galiza, entre elas as cidades de Santiago e A Coruña.
Inclusión do CEIDA na Rede Europea de Centros de Documentación Ambiental
Ana Miranda visitou no castelo de Santa Cruz, en Oleiros, as instalacións do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) e foi recibida polo seu director, Carlos Vales. A candidata nacionalista anunciou que proporá ao Comisario Europeo de Medio Ambiente á inclusión do CEIDA na Rede Europea de Centros de Documentación Ambiental e no Comité Asesor de Medio Ambiente da Unión Europea, por tratarse do único centro destas características que existe en Galiza.
A cabeza de lista do BNG denunciou tamén a precariedade coa que funciona o CEIDA pola falla de apoio económico da Xunta, pese a que os fondos comunitarios teñen liñas específicas pensadas para centros coma este.