A Ministra de Fomento non vai suspender a concesión a AUDASA pola AP-9 nin traspasala á Xunta
Rosana Pérez lembrou á titular de Fomento que miles de conductores e conductoras tivemos que sofrer de novo un auténtico abuso de poder por parte da concesionaria AUDASA da principal vía de comunicación de Galiza, a AP-9. Ante esa situación , esta disposto o Ministerio de Fomento a a adoptar medidas como a suspensión da concesión a AUDASA, traspasando a súa xestión á Xunta para convertila nunha vía libre de peaxe?.
Ana Pastor vaise pola tanxente
A pesar de que a pregunta da deputada do BNG foi moi clara, a Ministra de Fomento eludiu a resposta e foise pola tanxente ao sinalar que o que fixemos, estamos a facer e faremos é adoptar medidas necesarias para evitar calquer tipo colapso na AP-9 e noutras autovías do estado.
Na súa réplica, a parlamentar nacionalista descrebeu á Ana Pastor o acontecido este verán no que miles de usuarios e usuarias se viron atrapados en reiteradas ocasións perante as cabinas de cobro de peaxes. Colas quilométricas ante as que AUSASA non fixo nada, limitándose a manter aos conductores nos seus coches e a cobrar un a un as peaxes, a pesa de ofrecer un servizo deficiente como o BNG ven denunciando desde hai anos.
Nin siquera obrigan á AUDASA a levantar as barreiras
Rosana Pérez acusou ao Ministerio de pasividade e de permitir á concesionaria seguir dando un servizo pésimo. Nunca fixeron nada máis alá de abrir expedientes como o do ano 2012 que nunca se resolveu. Reprochou á Ana Pastor que nin o Ministerio nin a Xunta puxeron freo á persistente arrogancia e prepopotencia de AUDASA. Criticou que nin siquera se obrigase á concesionaria a levantar as barreiras en caso de atascos, nin lle sancionaron nunca por incumprimento manifesto das súas obrigas. De igual xeito, a deputada do BNG criticou que nunca se lle exixira a mellora do firme en moitos tramos nin o aumento do personal nas súas cabinas.
Puxo de manifesto que o Ministerio se limitou a acceder ás subas das peaxes cada ano, que após de 35 anos de explotación supuxeron nos últimos trece anos perto de 1.800 millóns, dos cais 600 foron beneficios para a empresa. Recriminou asemade a actitude da Xunta que se limitou a animar aos usuarios a facer reclamacións, agora pide a transferencia da autoestrada, cecáis pola cercanía dun periodo eleitoral.
Reprochou á Ministra de Fomento que continúe a negar o traspaso a pesar de que xa se produciu noutras partes do estado das mesmas características. Rosana Pérez rematou trasladando á responsábel de Fomento a exixencia de que teñamos un servizo de primeira, a rebaixa das peaxes (que son as terceiras máis caras do estado), a mellora de vías alternativas como a N-550 e o traspaso ao Goberno galego desta importante infraestructura.
A Ministra evita falar do tema da transferencia e da retirada da concesión
Na súa réplica á deputada do BNG, Ana Pastor optou polo guión que seguen todos os ministros do gabinete de Rajoy que é retrotraerse anos atrás cando a época do bipartito na Xunta, esquecendo que o BNG nunca gobernou na Administración central, en concreto no Ministerio de Fomento.
A Ministra de Fomento evitou en todo momento facer referencia á solicitude de traspaso á Xunta, que non só fai o BNG senón que tamén fixo o mesmo Feijoó. De igual xeito, eludiu falar de retirada da concesión a AUDASA. En troques, limitouse a sinalar que mandou inspectores, abriu un expediente e pediu a apertura de máis cabinas.
Engadiu que está apór en marcha un Plan de Acción para que se fagan obras en puntos como Teo, Curros e Alba. Puxo en valor o feito de que ela foi a única que aprobou un Real Decreto para que a volta sexa gratis de Pontevedra a Vigo, a primeira vez na historia desa autoestrada. Rematou pedindo a Rosana Pérez que traia propostas a esta Cámara, obviando por completo a listaxe de medidas que a deputada do BNG puxo hoxe enriba da mesa.