Mini: “A Xunta ten que implicarse para buscar unha solución que evite o peche de POLIGAL”
Rivas tilda de “fraude” un Goberno que non compre e que non se preocupa por manter o emprego no sector industrial
O BNG pediu no Parlamento que a Xunta se implique en buscar unha solución que impida o peche de POLIGAL, cuxos traballadores se manifestaron de novo ante as portas da Cámara para evitar a perda de 108 postos de emprego en Narón e na comarca de Ferrolterra.
“Os traballadores continúan a crer que a función do Goberno é apostar pola xente do común que quere ter un emprego estable para poder vivir sen ter que pedichar, pero desde a Xunta non hai resposta porque está máis preocupada polos capitais sen nome que non entenden de sacrificios e que aproveitan os diñeiros públicos para deslocalizar e facer caixa”, denunciou o deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, “eses traballadores van pensar que non son goberno e non merecen estar onde están porque non compren e son unha fraude como goberno”.
A fábrica de film de polipropileno instalada en Narón desde hai algo máis de un cuarto de século presentou un concurso de acredores e cese de actividade coa aplicación dun ERE extintivo para o conxunto do cadro de persoal.
“A nova foi comunicada a traizón ao comité de empresa por medio de videoconferencia aducindo perdas nos últimos cinco anos”, relatou Rivas, sen embargo, fai pouco máis dun ano os responsables da multinacional salientaban que POLIGAL “sería referencia a nivel internacional” en solucións de envasado flexible ao entender que a fábrica localizada en Narón era “a planta máis versátil” do grupo.
Pero mentres a dirección da empresa destinaba cantidades millonarias ás plantas de Polonia e de Portugal, a planta galega non recibía investimento algún durante vinte anos, “co perigo que ten para os procesos produtivos dun sector no que a tecnoloxía é clave", subliño Rivas.
“Unha historia que se repite mentres o Goberno da Xunta mira para outro lado sen dicir nin pío e Galiza segue perdendo músculo industrial da man dun modelo económico do PP que nos conduce a un deserto sen actividade industrial de calidade”, denunciou o deputado pola Coruña, instando ao Goberno de Feixóo a tomar medidas rápidas e efectivas para evitar o peche da factoría.