Mini Rivas reafirma o compromiso do BNG cos espazos de titularidade pública para uso da cidadanía coruñesa ameazados de venda
O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas, mantivo un encontro coa Plataforma Defensa do Común no que mostrou o compromiso do BNG “cos terreos de titularidade pública” en risco de venda por parte de Portos de Galicia.
O nacionalista recriminou a intención de Portos porque de maneira premeditada, dixo, “diminúe a actividade nos espazos públicos para xustificar a súa posterior venda”, en opinión do candidato do BNG, esta manobra representa “un pelotazo urbanístico”.
Rivas, acompañado pola candidata nº 3, Mercedes Queixas, o portavoz municipal, Francisco Jorquera e a concelleira, Avia Veira insistiu na reclamación dos “terreos e edificios” na cidade, gran parte de titularidade estatal, para que non sexan “pasto de especulación e revertan en interese social”. Neste sentido, lembrou que o porto da Coruña é de titularidade estatal pero o presidente da Autoridade porturaria é nomeado pola Xunta de Galiza e o BNG “aposta por un porto vivo, produtivo e que non perda tráfico”. Por outra banda, continúa sen ter acceso ferroviario ao porto exterior e a cidade continua coa ameaza “dunha débeda de 300M€” que pretenden saldar especulando cos terreos portuarios en troques de asumir a débeda o Estado como fixo coa débeda do porto de Valencia.
O nacionalista reiterou o apoio ás demandas da Plataforma e trasladou o seu compromiso de “destituír ao Presidente da Autoridade portuaria” cunha “xestión desastrosa” e ao que acusou de responsable do sobrecusto de 600 M€”. Se o BNG lidera o goberno da Xunta “os terreos do porto interior en desuso polo traslado de actividades ao porto exterior deben reverter no interese xeral da cidade”.
.