Mini Rivas: "Impulsaremos desde a Xunta unha de Lei de Memoria histórica para restituír a todas as vítimas do franquismo"
Néstor Rego apela a levantar “a lousa de silencio” das institucións para “exhumar definitivamente os restos do franquismo”
Goretti Sanmartín destaca a resposta social e cultural para a recuperación do Pazo de Meirás
Nun acto, como antesala ao xuízo que comezará o día 6 para a devolución “como ben público” do Pazo de Meirás espoliado polo franquismo, o BNG reitera o seu compromiso con todas as vítimas e a recuperación da Memoria histórica.
O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas afirmou que un pobo que quere avanzar require de memoria e nesa liña avanzou que “un goberno do BNG na Xunta impulsará unha Lei de Memoria histórica para restituír a todas as vítimas do franquismo e recuperar os bens roubados ao pobo galego”. O Pazo de Meirás e a Casa Cornide foron “o botín de guerra espoliado polo ditador” e a Illa de San Simón o símbolo “dos asasinatos e torturas franquistas”. Temos que converter a Illa de San Simón nun lugar da historia para non esquecer o acontecido nin as vítimas do franquismo. Ese lugar, dixo, debe ser conservado como “Illa da Memoria”. “Gobernaremos na Xunta e impulsaremos esa recuperación que tanto precisamos” recalcou o nacionalista. Rivas reiterou que “un pobo que quere avanzar debe ter memoria e o BNG non esquece a un “ditador asasino e despiadado” que roubou o que lle pertence ao pobo e ao patrimonio público galego. Seria unha “anomalía democrática” que o xuízo que comeza o luns non repare o roubo e a devolución do Pazo de Meirás en mans da familia do ditador.
Pola súa parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, un dos 19 galegos e galegas denunciados pola Fundación Francisco Franco por participar nunha acción simbólica e pacifica no Pazo de Meirás para reclamar a súa devolución ao patrimonio público galego, afirmou que a colonización de Galiza fixo posible que nos “roubasen parte da nosa historia” e a inmensa maioría do pobo galego aínda descoñece fitos fundamentais. Neste sentido, apelou a “levantar a lousa de silencio” que continúa en moitas institucións e ámbitos porque recuperar a memoria histórica, recalcou, e abrir os camiños para conquistar un futuro diferente.
Rego insistiu en que resulta imprescindible recuperar o Pazo de Meirás pero sobre todo, “exhumar definitivamente os restos do franquismo”.
Goretti Sanmartín destaca a resposta social na reclamación do Pazo
A portavoz municipal do BNG no concello de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín lembrou que o movemento asociativo, o movemento pola recuperación da Memoria histórica na Coruña, colectivos culturais e asociacións veciñais apoiaron a reclamación e sacaron a luz a “verdadeira historia do espolio de Meirás”. Toda esta demanda é recoñecida internacionalmente tras a “toma simbólica e pacífica do Pazo polos 19 de Meirás”. Nun primeiro momento, engadiu Sanmartín, o BNG mantivo unha posición decidida pola devolución do ben roubado e a través do goberno nacionalista en Sada o Pazo foi declarado Ben de Interese cultural (BIC) para abrilo ao público. A portavoz do BNG no concello de Santiago tamén salientou o importante labor do historiador, Carlos Babío, autor do libro, “Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio” que relata como o Pazo chega a mans do ditador a través da coacción e o abuso a unha poboación baixo a represión do franquismo.