Mini Rivas esixe á Xunta a paralización dos vertidos ilegais Nostian nas Pías

Mini
Rivas pide a paralización inmediata deses residuos e denuncia que a Consellería de Medio Ambiente “sabe que non respecta a normativa e que depositalos no vertedoiro das Pías é ilegal”

O BNG trasladou ao Parlamento o problema ambiental que supón as 92.000 toneladas de rexeites procedentes da planta de Nostián que son depositados no vertedoiro das Pías (Sobrado dos Monxes) sen cumprir a normativa, pois a propia Xunta de Galiza determinou que estes residuos son ilegais ao sobrepasar a carga de residuos orgánicos establecida por lei.

Os rexeites son os residuos que resultan tras levar a cabo os diferentes pasos de reciclaxe e deben quedar libres de carga orgánica, pois do contrario provocan cheiros e fermentacións no terreo do vertedoiro no que se deposita, neste caso As Pías,  que só pode albergar residuos non perigosos.

A planta de Nostián xestiona os residuos da Coruña e da comarca da Mariña. Os rexeites que produce esta xestión tiñan como destino dous vertedoiros: o de Miramontes (Santiago de Compostela), -no caso dos residuos procedentes dos concellos da comarca das Mariñas-, e o xa mencionado das Pías, onde van parar os rexeites da cidade da Coruña.

Tras as protestas veciñais e despois de ditaminar que estes rexeites non cumprían coa normativa (acumulan máis dun 30% de carga orgánica), a Xunta prohibiu a Nostián enviar os rexeites das Mariñas ao vertedoiro de Miramontes, pero non así ao das Pías, pese a estar na mesma situación.

Por iso, o deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, pide ao Goberno galego que asuma as súas competencias e deixe de tirar balóns fora, e que desde a Consellería de Medio Ambiente se tomen as medidas necesarias para que a xestión dos rexeites procedentes de Nostián se faga de acordo a normativa en vigor, lembrando ademais que o vertedoiro da Pías verte ao rego do mesmo nome na serra do Bocelo, onde nacen os ríos  Mandeo e Tambre que abastecen a moita poboación.

“Pedimos que eses rexeites sexan paralizados e que se faga cumprir a normativa”, demandou Rivas durante a defensa da proposición non de lei debatida na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento. “Como? Moi fácil, facendo que Nostián funcione e iso significa que ten que preparar unha compostaxe decente, ben feita que poda ser utilizado como fertilizante”, argumentou.

“Que os rexeites saían coa carga orgánica que marca a lei e que deixen de tomarnos o pelo con Sogama, con tanta propaganda e con tanta porquería, porque se a Consellería de Medio Ambiente está no consello de administración de Sogama sabe perfectamente que os rexeites de Nostián non se axustan á normativa e, polo tanto, non poden ser depositados no vertedoiro das Pías”, denunciou Rivas.

PP e PSOE a favor de ampliar o vertedoiro

Pese a estes argumentos, as propostas do BNG para garantir a correcta xestión dos residuos da área metropolitana da Coruña non prosperaron polo veto do PP, que se limitou a apuntar ao concello da cidade herculina como responsable. “Pero no medio está unha veciñanza que non merece que lle se tome o pelo desta forma”, criticou o deputado nacionalista.

Ademais da suspensión inmediata destes rexeites nas Pías, o Bloque tamén incluía na súa iniciativa a petición de que se paralizase a prevista ampliación deste vertedoiro xestionado pola empresa Gestán Medioambiental, que proxecta a construción dun novo vaso de vertido con capacidade para 530.000 metros cúbicos. Unha proposta igualmente rexeitada tanto polo PP como polo PSOE.