Nun mitin no concello de Teo, o candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas pediu unha grande mobilización o vindeiro 12 de xullo para que se produza en Galiza o “cambio político liderado polo BNG”.
Neste sentido, afirmou que un goberno do BNG na Xunta implementará medidas contra os vertidos contaminantes e exixirá a “modificación da normativa estatal que permite converter ás canteiras en vertedoiros” como acontece coa canteira de Casalonga. Mini lembrou que dende o principio, o BNG mantívose firme na súa defensa da veciñanza “fronte aos intereses do sector dos residuos” con iniciativas dende o concello de Teo na voz do portavoz municipal, Manuel Anxo Fernández Baz e no Parlamento galego a través do deputado e cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Luís Bará.
Desde o goberno do BNG na Xunta, dixo, imos exixir “modificar a normativa estatal” para impedir disfrazar unha canteira de vertedoiro como deposito de todo tipo de residuos e refugallos sin controlar e para beneficiar a empresas do sector de residuos.
Tras reafirmar o traballo político do BNG en Teo e no Parlamento contra o vertedorio de Casalonga, Xosé Luís Rivas asegurou que xunto a sanidade pública e universal, o ensino público, a atención digna para ás persoas maiores e a infancia e a defensa do noso monte e tecido económico, “o medio ambiente será unha prioridade para o goberno do BNG” e poremos en marcha medidas que impidan os vertidos contaminantes que afectan a diferentes zonas do noso territorio, aos seus ríos e rías e provocan a mesma da capacidade extractiva do marisqueo e un grave risco para a saúde polo consumo de auga.
Rivas destacou en Teo que foi o BNG o que acadou un acordo no Parlamento galego para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a ponte medieval de Pontevea e desbloquear a concentración parcelaria.
Feixóo debe comparecer e explicar o rebrote da Covid-19 na Mariña
Na súa intervención, o candidato nacionalista trasladou o seu apoio e solidariedade aos veciños e veciñas da Mariña de Lugo afectados polo rebrote da Covid-19 e preguntou porqué agora que Feixóo ten competencias en Sanidade e non pode agocharse detrás do goberno de Sánchez non comparece para dar explicacións e presentar o protocolo que lle exixe o BNG e as persoas afectadas? Durante a pandemia, engadiu Mini, tivemos que soportar “homilías diarias de Feixóo emitidas pola TVG” que máis que comparecencias eran “mitins encubertos” e agora que non pode agocharse detrás do Goberno de Sánchez “non comparece para explicar a difícil situación na Mariña”. Feixóo, afirmou o candidato do BNG reacciona con “improvisación” e minimizando un problema que xa suma máis de cen casos activos e un gran número de persoas afectadas polo que pediu “suspender as eleccións na Mariña até que se dean todas as garantías sanitarias”. O primeiro sempre, reiterou, o candidato do BNG, “debe ser a saúde ante calquera interese electoral”.
No acto celebrado en Teo tamén participaron, o membro da candidatura pola provincia da Coruña, Suso Seixo, a activista polos Dereitos e Liberdades Civís, Elvira Souto e o portavoz municipal do BNG, Miguel Anxo Fernández Baz.