Galegas 2020

Mini Rivas: "O BNG apoiará o emprendemento e a produción industrial que non colida co medio ambiente"

O candidato do BNG, Xosé Luís Rivas, acompañado da portavoz municipal en Boiro, Raquel Suárez e o candidato, Xosé Deira, mantivo un encontro cos representantes da directiva do parque empresarial que lle trasladaron as súas demandas

O candidato do BNG por A Coruña, Xosé Luís Rivas visitou o parque empresarial Espiñeira en Boiro e afirmou que o BNG dende o goberno apoiará as iniciativas empresariais e o emprendemento cara a creación de emprego e riqueza a través da implantación de viveiros de empresas diversas, competitivas e que non colidan co medio ambiente.

O candidato nacionalista percorreu as instalacións da empresa Rotogal de deseño e fabricación de contenedores isotérmicos e palets baixo a técnica do rotomoldeo. A empresa con 200 postos de traballo,  exporta os seus produtos a diferentes lugares de Europa e América e está especializada na fabricación de maias de algodón para a  froita utilizando como   materia prima a viscosa, de orixe vexetal, biodegradable e posterior compostaxe. O problema desta producción, explicou o responsable de Rotogal  a diferencia das maias de plástico utilizadas para a cría de mexillón,  radica no seu prezo, sete veces por riba do producido con plástico. Neste sentido, os empresarios trasladaron ao candidato do BNG a necesidade de abrir unha liña de subvencións para poder fabricar con materiais que paulatinamente diminúan o consumo do plástico.

As empresas visitadas hoxe polo candidato tamén fabrican pequenos contenedores para carne que exportan a Alemaña cunha alta capacidade de illamento sobre todo para a carne porcina. Por outra parte, anunciaron o proxecto de reciclaxe dun gran número de toneladas das redes utilizadas na pesca.

 Rivas reafirmou o compromiso do BNG co impulso industrial e considerou que o parque empresarial Espiñeira é un exemplo da creación de empresas con produción diversificada e compromiso co emprego. O candidato trasladou aos directivos do parque a súa intención de continuar cos encontros co fin de buscar alternativas aos diferentes problemas derivados da actividade empresarial así como aumentar as axudas ao emprendemento e a producción de elementos que respecten o medio ambiente.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG