Mini reclama medidas para cubrir a demanda de emprego cualificado nas explotacións agrogandeiras
O BNG advirte que hai unha oferta de postos de traballo no sector agrogandeiro que non se están a cubrir por falta de profesionais cualificados, polo que insta á Medio Rural a que adopte as medidas necesarias para poder formar persoal e facilitar a cobertura deses empregos que, ademais de xerar rendas, contribuirían á revitalizar do rural.
O portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, explicou que a redimensión e a agrupación das explotacións gandeiras de vacún de leite mudou o panorama deixando atrás o modelo de explotación familiar a favor da profesionalización.
“Por distintos motivos a man de obra familiar xa non é suficiente para atender este novo tipo de explotacións e faise preciso contratar persoal externo. Cada día son máis as granxas que poden ter futuro grazas ao persoal asalariado”, indicou Rivas, “pero o que debería ser unha boa alternativa ante o desemprego no rural atópase co inconveniente de que non hai oferta de persoal cualificado para traballar”.
En zonas de intensa actividade leiteira “esta falta de persoal cualificado está sendo un grave problema”, salientou o deputado, quen pide a Xunta que actúe para non desaproveitar esta oportunidade de xerar emprego no medio rural.
“O sector precisa persoal cualificado para traballar nas explotacións mais tamén para xestionar equipos e organizar tarefas porque os produtores ademais de manexar gando e cultivos teñen que ocuparse da burocracia ligada á actividade, teñen que incorporar persoal alleo e teñen que xestionar o equipo de xeito que a explotación funcione e sexa rendible”, argumentou.
De aí a urxencia de que a Administración mova ficha para cubrir a necesidade de man de obra cualificada en explotacións leiteiras a través de accións formativas que capaciten persoal para atender tarefas tan dispares nunha explotación agroganderia como resolver papeleo burocrático, a contratación mesmo de persoas doutras nacionalidades e idiomas, a xestión de equipas ou cuestións de calidade e seguridade alimentaria.