Mini reclama da Xunta un plan de xestión do xabaril, máis urxente coa ameza da peste porcina
Pide a Medio Rural que deixe de improvisar e actúe con seriedade a hora de abordar un problema moi grave para o sector agrogandeiro
Ao problema da expansión incontrolada da poboación do xabaril, que provoca graves perdas no sector agrogandeiro e supón tamén un problema de seguridade mesmo para as persoas, súmase agora a peste porcina africana que ten nos porcos bravos unha vía de expansión con risco de afectar ao porco común.
Neste contexto, o portavoz de Agricultura, Xosé Luís Rivas, defendeu unha proposición de lei na que insta á Xunta a adoptar canto antes un plan de xestión da poboación do xabaril, con diagnose, programación de medidas que inclúan tamén un enfoque de bioseguridade, prazos de execución, seguimento e valoración de resultados. E, por suposto, dotado cos recursos orzamentarios para facelo efectivo.
“É preciso falar con científicos, ver como se xestiona esta situación e coordinarse co resto das comunidades autónomas porque este vai ser un problema de Estado e precisamos medidas preventivas contra a peste do porcino africano”, salientou Rivas durante o debate da PNL que foi rexeitada polo PP.
O deputado pola Coruña foi moi crítico coa actitude errática da Xunta, cunha sucesión de medidas, moitas delas puras ocorrencias, sen planificación nin obxectivos que mostra a falta de rumbo e criterio da Consellería de Medio Rural con este asunto.
Un día falan de gaiolas para capturar ao xabaril, outro de batidas con arcos, ao seguinte recomendan a comercialización da carne deste animal, “espero que non se lles ocorra porque agora está a peste porcina africana”, advertiu Rivas.
“É un problema serio porque estamos falando dunha especie que se multiplicou por cen, é unha barbaridade, é unha alarma e a xestión cinexética por lecer non funciona, hai que ir a unha guerra de control e facelo cientificamente, con criterios de bioseguridade sen convidar alegremente a súa comercialización, hai que xestionalo con prudencia como corresponde a un Goberno”, argumentou o portavoz de Agricultura.
O Bloque insistiu na reclamación dun plan de xestión da poboación e de axudas eficaces e suficientes para compensar ás persoas afectadas por ataques de xabaril, cunha atención directa evitando ter aos afectados colgados dun teléfono “atendido por unha máquina” cando queren contactar coa Administración, nun momento de nerviosismo tras un ataque que puido estragar o seus cultivos ou danar a súa explotación agrogandeira.
Rivas non rexeita as batidas por cazadores sempre que sexan controladas, nin o método das gaiolas, “pero sempre que se faga cientificamente, sabendo onde, como e cando poñelas”, recalcou. En todo caso, urxe actuar con criterio e cun plan de xestión serio, tanto polo feito da explosión desta especie como polo feito da aparición da peste porcina africana, da que xa se detectaron casos en dez países da UE.