Mini insta á Xunta a defender o medio rural galego ante a futura PAC
Acusa ao goberno de incumprir as medidas de prevención derivando fondos europeos para extinción coa perda do 75% de cofinanciamente europeo neste ámbito
O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini) instou á Xunta a “defender os intereses de Galiza na futura negociación da PAC”.
Trala comparecencia da conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez para informar do futuro da Política Agraria Común en Galiza, o deputado asegurou que a política agraria galega “está hipotecada pola deficiente xestión dos montes”. Neste sentido explicou que o gasto público na loita contra o lume pasou de 6M€ en 1989 a 68,6 M€ en 2006 e 192M€ no ano 2018, o 39% do orzamento total da consellería. “Incumpren as medidas en materia de prevención derivando fondos europeos para extinción coa perda do 75% de cofinanciamento nesta materia”.
Ante esta situación, Rivas propuxo políticas de diversificación, ordenando as masas forestais en mosaico e os núcleos rurais en UXFOR como defensa contra o lume ademais de ordenar o aproveitamento do monte privado non xermánico, porque o sector forestal, afirmou, leva perdendo peso de maneira continuada, tanto en valor económico, como en creación de postos de traballo.
Cando un optimismo ficticio, propagandístico, pretende disfrazar de alegría unha situación agónica, chega ó esperpento e o que vostede nos trae hoxe aquí, é o resultado “dunha imposibilidade, dunha impotencia e dunha falta de confianza nas nosas potencialidades” polo que reclamou da Xunta que defenda “os intereses galegos nas futuras negociacións da PAC”.
Unha PAC, engadiu, aplicada a un Medio Rural galego en proceso de desintegración tras unha brutal desagrarización forzada e inducida polas súas políticas erráticas. Continuaron afondando nos erros en vez de aprender da crise de prezos do leite do 2015 poñendo en marcha medidas para afianzar ao sector con terras agrarias para minguar a dependencia de insumos externos e aumentar os rendementos por litro, “continuaron mirando para outro lado”. Manteñen un Bantegal fosilizado para utilizar como bandeiriña nas festas gastronómicas onde falan, ironizou de lo verde que era mi valle.
A este esperpento e nun país rico como o noso, temos que sumar unha industria láctea débil de capital non galego. Producimos o 40% do leite do Estado e a industria láctea ubicada aquí non chega ó 10% en termos de emprego e valor engadido. Co 40% de produción a industria de capital galego supón entre o 3 e 4% a respecto da estatal e “sen unha industria que complete a cadea produtiva e xere valor engadido, o sector lácteo seguirá a ser vulnerable” recalcou o nacionalista.
Como vai o Goberno galego a facer fronte aos recortes de fondos europeos previstos polo BREXIT e calculados nuns 10.000ME, con esta política agraria hipotecada polo gasto insostible en apagar os lumes? Teñen analizado o desafío da Seca que xa está connosco e que agudiza a violencia dos incendios, a erosión do solo, as emisións á atmosfera provocadas polos lumes? Teñen pensado algunha medida para configurar espazos rurais menos vulnerables ao fogo? Son conscientes de que amplas zonas agrogandeiras van precisar de regadío para os cultivos, nun pequeno prazo de tempo?
A gandería familiar é as granxas familiares son o principal sustento económico da poboación rural, polo que se debería apostar pola agricultura familiar fronte ao desafío das gandería industrial e as macrogranxas.
Cando van facer valer en Europa as características do noso País? preguntou porque a realidade galega non é cerealista nin latifundista e os nosos elementos diferenciais deberían primar. O deputado instou á Xunta a facer presente Galicia en Madrid e en Europa para facer fronte aos retos e incertezas do Brexit e a reestatalización progresiva da PAC que establecerá en Europa agricultores de primeira, de segunda e ata de terceira rexional, afondando aínda máis nas diferencias xa existentes.
O posicionamento do noso país, remarcou o nacionalista, debería ser o resultado de mesas de dialogo cos sectores e cunha postura consensuada ante unhas negociacións no último ano de mandato dun Parlamento europeo do que non sabemos nin a súa futura composición nin o seu orzamento, concluíu.