Mini: “Un goberno do BNG na Xunta impulsará a reapertura das escolas unitarias pechadas en Ares”
O cabeza de lista pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas pon en valor o ensino das unitarias e destaca que é un elemento para fixar poboación e facilitar a conciliación
Na súa visita ao concello de Ares, mantivo un encontro co sector pesqueiro ao que trasladou o apoio do BNG e compromiso de defender máis cotas e melloras para a flota pesqueira galega
O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas visitou o concello de Ares onde mantivo un encontro co sector pesqueiro e membros da comunidade educativa e afectad@s polo peche das escolas unitarias nas localidades de Cervás-Ares.
Rivas afirmou que “un goberno do BNG na Xunta impulsará a reapertura das escolas unitarias”. No encontro con mestr@s, pais e nais afectados polo peche destas unidades, o candidato nacionalista botou man da súa dilatada actividade como mestre no medio rural para destacar que “o ensino nas escolas unitarias é un recurso básico e moderno” e dende o BNG , dixo, defendemos que “a pedagoxía punteira que debe primar no século XXI ten que ser próxima á realidade dos nenos e nenas, as súas familias e ambiente”.
As parroquias con poboación suficiente, explicou Rivas, , teñen “dereito” a contar con este recurso educativo e neste sentido, asegurou que as escolas unitarias favorecen a fixación de poboación e a conciliación familiar. Si o BNG está no goberno galego priorizará “un cambio radical nas políticas educativas primando ás escolas unitarias”.
Ademais, o candidato do BNG na súa visita a Ares mantivo un encontro con representantes do sector pesqueiro que lle trasladaron diversas demandas tanto no ámbito local pola falta de calado no porto e os problemas derivados dunha fábrica de xeo insuficiente, e cotas insuficientes para as capturas que reducen considerablemente os ingresos económicos. Rivas trasladou o apoio do BNG ás reivindicación do sector e comprometeuse a defender a flota pesqueira galega como actividade prioritaria. Para o candidato do BNG, o vindeiro 12 de xullo, Galiza ten a oportunidade de iniciara “un tempo novo” e mostrouse convencido de que o goberno da Xunta liderado polo BNG defenderá ante Madrid e Bruxelas medidas para impedir converter a flota galega “nunha flota en despezamento e sen futuro”. O nacionalista comprometeuse co sector a manter unha liña de colaboración periódica e reiterou que Galiza precisa recuperar “o papel que lle corresponde como país prioritario de actividade pesqueira”.