Mini: “A FEGAMP non defende os intereses dos concellos no convenio das franxas de protección dos lumes”
Preguntou ao goberno cal e de onde sairá o orzamento que aportará para poñer en marcha un convenio inasumíbel para os concellos
Na comisión de Agricultura, celebrada hoxe no Parlamento galego, o deputado do BNG, Xosé Luís Rivas preguntou ao goberno pola execución do convenio asinado entre a Xunta, FEGAMP e SEAGA en materia de xestión das faixas de protección dos núcleos de poboación contra os lumes.
Na súa intervención acusou a FEGAMP de “non defender os intereses dos concellos no convenio” e preguntou ao goberno de onde sairán os cartos para executar o acordo.
O deputado lembrou que na vaga de lumes do 2017 os servizos de extinción víronse obrigados a “actuar á defensiva” ante un monte cercano as casas e casas metidas no montes, “nos lumes de Portugal, Galiza ou Grecia, a forestación desordenada e intensiva propiciaron a virulencia dos incendios e a impotencia dos medios empregados”. Rivas acusou ao goberno galego de non “a prender a lección do ano 17 e continuar na senda da improvisación” como deixou patente Feixóo nas 30 medidas presentadas para loitar contra os incendios. Neste sentido, engadiu que no ano 2009 o Partido popular derrogou parte das medidas impulsadas polo BNG e agora vénse obrigados a poñer outra vez en marcha tras nove anos de “políticas fracasadas”.
Por outra banda, o nacionalista aludiu ao recente convenio asinado entre a Xunta, FEGAMP e SEAGA que tildou de “chantaxe aos concellos” e preguntou como vai facer un concello de 250 quilómetros cadrados e 2.000 habitantes e cunha grande cantidade de núcleos e viais para xestionar o devandito convenio?. Quen vai poñer o persoal municipal necesario?. Se a ordenación do territorio é competencia da Xunta, que papel xogan os concellos neste ámbito? Só os concellos están obrigados a cumprir a lei? porque a Administración do Estado e autonómica non xestionan os viais, o ferrocarril e comunicación en xeral, denunciou o deputado.
O parlamentario concluíu a súa intervención reclamando revisar o convenio para que a súa aplicación sexa posible sen prexudicar o normal funcionamento dos concellos.