Mini esixe medidas urxentes contra os vertidos contaminantes do Parque Industrial de Melide

Verquidos Melide
Verquidos Melide

Anuncia que o BNG utilizará todos os medios ao seu alcance para impedir os vertidos contaminantes e denuncia o desleixo de Ánxeles Vázquez

Alerta de problemas xerados polo vertidos na auga do río Furelos e as persoas que a utilizan e culpabiliza á consellería de Medio Ambiente de tolerar unha situación reiteradamente denunciada polo BNG, asociacións afectadas e cidadanía

O candidato do BNG, pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas visitou o Polígono industrial de Melide no que desde hai tempo, e como xa denunciou o propio BNG están a producirse vertidos contaminantes ao río Furelos.

Acompañado por cargos institucionais e membros do BNG da comarca, Rivas explicou que de novo saltan as alarmas ante novos vertidos contaminantes procedentes do Polígono Industrial sin que a Consellería de Medio Ambiente tome “cartas no asunto”. Neste sentido, pediu “responsabilidade” á conselleira Ánxeles Vázquez, ex-alcaldesa de Melide, para que abandone a súa liorta política contra o concello co fin de “exculparse” da situación. Os atentados contra o medio ambiente e o equilibrio natural son constantes” pero “non deben quedar impunes”, denunciou o nacionalista.

O polígono de Melide, explicou Rivas, “non conta cunha EDAR acorde coas súas necesidades” e a xustificación da consellería é que cada empresa ten a obriga de depurar os seus propios residuos. Sen embargo, reitera Rivas, para a urbanización dun polígono industrial e a súa posta en funcionamento é necesaria a existencia dunha EDAR con capacidade e funcionalidade acorde as súas características.

O problema dos vertidos e dos residuos deste polígono, engadiu, foi abordado unha única vez con sensatez durante no mandato municipal do BNG cando a súa edil conseguiu o financiamento público para unha EDAR pero algúns “problemas de procedemento e puñaladas traidoras” deixaron esta iniciativa sen efecto que foron aproveitadas polo Partido popular de “maneira turbia” para se faceren co poder e curiosamente alzar á hoxe conselleira de Medio Ambiente.

A pesar de todas as peripecias políticas municipais, o problema dos vertidos continúa aí e non foi resolto polo distintos gobernos populares que se dedicaron a “pasar a pelota do concello á consellería como un pim, pam, pum”.

O BNG e a cidadanía, explicou o candidato nacionalista, denunciamos reiteradamente os vertidos contaminantes ante o Seprona, Augas de Galicia e no Parlamento con iniciativas para resolver unha situación insostible non só para río Furelos, senón tamén da veciña Sobrado. Estamos, dixo, ante un “grave problema medioambiental con lodos disfrazados de fertilizantes e vertidos clandestinos directos aos regatos que alimentan o Vilacorbo e que verte no Mandeo” ao que temos que sumar a ampliación e almacenamento de rexeites de lixo procedentes da Coruña e área Metropolitana con carga orgánica superior á permitida e que fan destes residuos un perigo para cultivos e poboación que toma auga do Mandeo.

Rivas criticou que, a pesar das denuncias formuladas, a Consellería de Medio Ambiente amosa unha actitude como si este problema “non fora con ela”. Para o candidato do BNG, esta actitude demostra “ incompetencia, connivencia delitiva é unha burla” para a cidadanía.

“Dous últimos vertidos leitosos, no prazo dunha semana, e a sospeita que durante o período de confinamento foi aínda peor, faise necesaria unha solución”. Dende o BNG, recalcou o candidato nacionalista, “reiteramos o noso compromiso co medio natural e coa necesidade dunha convivencia harmónica entre a actividade económica e un medio ambiente sostible e equilibrado en beneficio noso e das xeracións futuras”. Xosé Luís Rivas (Mini) avanzou que o BNG utilizará todos os medios ao seu alcance para dotar dunha EDAR o polígono industrial de Melide e impedir os vertidos contaminantes.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG