Mini critica a inacción da Xunta para contrarrestar os efectos negativos de MERCOSUR no sector agrogandeiro galego
O portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, criticou a inacción da Xunta para contrarrestar os efectos negativos que para o sector agrogandeiro galego vai ter o acordo da UE con MERCOSUR, que hoxe xa rexistra unha balanza comercial de produtos agroalimentarios de 18.570 millóns de euros fronte aos 2.200 millóns de euros que suman as exportacións europeas.
“Estamos cansos de que a agricultura e a gandería sexan a moeda de cambio, os que sempre perden nas operacións de penetración nos mercados, e as organizacións agrarias conscientes levan tempo alertando que o sector agrogandeiro vai sufrir un serio descalabro se non se arbitran medidas de contención”, alertou Rivas na súa pregunta en pleno ao conselleiro do Rural, José González.
“A experiencia dinos que o rural galego leva demasiado tempo apandando porque non hai medida que beneficie a España ou a Europa que non nos veña a nós de través”, salientou o nacionalista. Rivas preguntou polos plans de continxencia ou polas compensacións ao sector polos efectos negativos que este acordo comercial vai ter no sector, sen resposta algunha por parte da Xunta. “Defenda aos nosos produtores”, reclamou.
O deputado do BNG salientou que deste acordo saen beneficiados os exportadores de maquinaria, as químicas, as grandes compañías e os bancos. “E quen as vai pagar tendo en conta que se prevé 100.000 toneladas de carne de vacún a baixo prezo e con baixas esixencias sanitarias, medioambientais e sen trazabilidade nos nosos mercados?”, interpelou.
De feito, argumentou Rivas, “o comisario europeo de Agricultura, Phil Hogan, recoñeceu que se fixeron significativas concesións en materia agrícola e agroalimentaria" e, por iso, o BNG considera necesario poñer na balanza, ademais dos grandes beneficiados polo tratado, “aos milleiros de explotacións familiares que se verán afectadas negativamente”.
Neste sentido, contrapuxo a inacción da Xunta coa actitude de Francia, cuxo goberno encomendou a un grupo independente de expertos un estudo completo e transparente do impacto deste acordo sobre a produción agroganderia do país galo. “A súa consellería, a estas alturas, debería ter un posicionamento e previsións sobre as consecuencias do tratado na produción e transformación do noso rural”, concluíu Rivas.