Mini afirma en San Sadurniño que “un goberno do BNG na Xunta é garantía dun rural vivo, dinámico e cos servizos necesarios”
Afirma que poñer en valor o rural implica “medidas valentes e atrevidas e acreditar nas nosas capacidades como país” e o BNG ten ese compromiso con Galiza
O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas (Mini) afirma nun encontro con representantes do sector primario (horta, gando de carne, leite, froita e viveiros) que hoxe máis que nunca é preciso mirar ao rural e poñer en valor a produción de produtos galegos, a súa distribución e sobre todo, o seu consumo. O candidato explicou que a crise da COVID-19 deixounos unha lección que non podemos esquecer, “o rural é necesario e vímolo claramente nesta crise, grazas ao rural puidemos confinarnos porque había xente traballando para subministrar os alimentos”.
Rivas anunciou que un goberno do BNG na Xunta comprométese a aplicar políticas que defendan aos produtores pero tamén un “rural vivo, dinámico e cos servizos necesarios” para que as persoas vivan con dignidade e non se sintan cidadáns de segunda por vivir nunha aldea. Neste sentido, apostou por dotar o rural de atención sanitaria, educación, conexións con internet e mobilidade axeitada. Vivir no rural non ten que ser un impedimento para que os nenos e nenas teñan a mesma educación que os que viven nas cidades, non significa una atención sanitaria deficiente ou non poder acceder ao mundo a través das redes sociais. Vivir no rural, reiterou ten que ser “garantía dunha vida digna” e con todas as necesidades cubertas. Ese soño, remarcou, “é posible” só é precisa vontade política e o BNG xa a demostrou nos lugares nos que goberna como este concello poñendo en marcha iniciativas para seguir avanzando nesa calidade de vida que queremos para o rural.
O candidato do BNG escoitou as demandas dos representantes do sector primario entre as que destacaron: os problemas derivados dos ataques do xabaril ás explotacións agrogandeiras,a falta de axudas públicas para novas incorporacións produtivas no medio rural e o incumprimento do acordo do ministerio para fixar un prezo xusto á produción do leite. Os e as responsables de pequenas explotacións de horta ecolóxica tamén demandaron unha maior profesionalización para o sector.
Pola súa parte, o nacionalista transmitiulles o compromiso do BNG de atender as reclamacións e poñer en marcha políticas acordes aos seus intereses e non como leva feito “o Partido popular durante once anos”.
Os problemas no sector da produción de gando, as novas expectativas de mercado para a horta, froitas e verduras así como a distribución dos produtos e o impulso do consumo de produtos galegos centraron grande parte do encontro celebrado hoxe no concello de San Sadurniño.
O alcalde nacionalista, Secundino García fixo fincapé na necesidade de promover iniciativas para o desenvolvemento económico das vilas como a que o BNG iniciou no concello, unha horta de froiteiras que xa se converteu nun elemento dinamizador, didáctico e de desenvolvemento rural.
Rematado o encontro sectorial, o cabeza de lista pola provincia da Coruña Xosé Luís Rivas, acompañado polo alcalde de San Sadurniño, Secundino García e membros da forza nacionalista da comarca realizou unha visita á Cooperativa Agraria Provincial onde mantivo un encontro co presidente/rexente e membros da Cooperativa.
Asemade, Xosé Luís Rivas tamén visitou á Horta de froiteiras posta en marcha polo equipo de goberno do BNG en San Sadurniño.