Mini afirma que o BNG no goberno devolverá o pulo industrial a Ordes e a súa comarca
O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas denunciou o maltrato que o goberno galego dispensa á localidade de Ordes e a súa comarca no sector industrial, co peche da térmica de Meirama e no téxtil coa desaparición das empresas Viriato e Deus. En relación a Meirama, Rivas cualificou de “inconcibible” que ante o peche da térmica en Cerceda “ninguén dende o goberno levantara a voz e obrigara á empresa Narturgy a presentar unha reindustrialización da zona”. O goberno galego, dixo, permaneceu impasible e limitouse a agardar polas decisións que tomaron outros.
Rivas afirmou que “un goberno do BNG na Xunta apostará firmemente por recuperar o papel industrial que sempre tivo Ordes”. Por outra parte, lembrou que esta localidade e a súa comarca viven baixo a ameaza da implantación de parques eólicos “nas condicións que exixe a empresa Gernalia”, uns parques eólicos, explicou, que reportarán grandes beneficios á concesionaria pero que non reverterán na zona como xa acontece noutros lugares de Galiza. “Róubannos os recursos pero nós nunca hai contrapartida”, aseverou.
Na súa intervención, a nacionalista tamén aludiu á intención da empresa mineira Erimsa para extracción de silicio, operación que suporá grandes beneficios para a concesionaria e dos que a comarca non obterá máis que unha nova agresión ao seu medioambiente. Esta situación, recalcou Rivas ten que ser reordenada e un goberno do BNG “dará o pulo industrial que merece Ordes e a súa comarca” porque conta cun gran potencial en recursos naturais e gandeiría. Esta comarca, reiterou o nacionalista, “ten dereito a explotar os seus recursos industriais e que a súa sociedade urbana e rural poida beneficiarse”.
No acto celebrado en Ordes, a candidata pola Coruña, Rosana Pérez destacou a necesidade de que Galiza “con soberanía e capacidade de decisión” porque as consecuencias de termos un goberno galego ao servizo de Madrid, afirmou significa “non ter unha tarifa eléctrica galega para que Alcoa e outras industrias continúen sendo competitivas, significa a destrución de emprego en empresas como a térmica de Meirama, ou as téxtiles de Ordes “Deus” e “Viriato”, vítimas da incapacidade manifesta de Feixóo e a súa falta de alternativas”.
A candidata do BNG, asegurou que Feixóo sempre “mira para outro lado e culpabiliza aos demais” e dende o BNG queremos dicirlle que nós temos as alternativas das que el carece. A Covid-19 puxo de manifesto a “desfeita de Feixóo” dos servizos públicos e a entrega que fixo ás empresa privadas. A situación económica e social na que estamos despois da crise da Covid-19 “non a poden pagar os de sempre” e para iso é preciso “derogar de inmediato as reformas laborais e crear emprego de calidade”.
Rosana Pérez afirmou con rotundidade que o BNG conta “cun proxecto de país” porque “Galiza ten grandes recursos, capacidade e talento” e “un goberno liderado polo BNG” porá en marcha políticas para desenvolver todos os recursos nos nosos sectores produtivos, na nosa industria, no sector téxtil e a defensa dos servizos públicos. O 12 de xullo, remarcou a candidata, “podemos facer historia poñendo á primeira muller nacionalista ao fronte do goberno galego, a portavoz nacional do BNG e candidata a Presidencia da Xunta, Ana Pontón.”