Mercedes Queixas visita o CICA e avanza que o goberno de Ana Pontón apostará na ciencia e na investigación
A número dous da candidatura do BNG ao Parlamento galego pola circunscrición coruñesa, Mercedes Queixas, visitou esta mañá as instalacións do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da UDC, no campus de Elviña.
“Ficamos impresionadas pola excelencia das e dos profesionais deste centro, mostra do enorme talento que ten este País. Transmitímoslles que o futuro Goberno galego que vai liderar Ana Pontón apostará claramente pola ciencia e a tecnoloxía como ferramentas indispensábeis para crear riqueza, crear valor, para pór o País a producir”, afirma Mercedes Queixas, quen estivo acompañada nesta visita pola tamén candidata Beatriz Pérez, Bea a da Estrella, e polo portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera.
“A Xunta ten que empregarse a fondo no impulso da ciencia e a investigación, na reindustrialización do País. Infelizmente durante estes 15 anos de goberno da dereita, a Xunta nin liderou nin impulsou políticas que permitan que o talento que se forma nas universidades do País fique na Galiza”, engade Queixas, quen visitou o CICA da man da súa subdirectora, Isabel González Siso.
A Xunta que vai presidir Ana Pontón a partir do 18F terá como obxectivo crear tecido produtivo para “que as nosas científicas e científicos podan desenvolver no País as súas carreiras profesionais” e para que “vaian retornando a Galiza os 200 mil mozas e mozos que tiveron que emigrar durante estes longos 15 anos do goberno do PP na Xunta”.