Mercedes Queixas: “A única política de promoción do galego que anunciou o Goberno do PP foi un spot para o Día das Letras Galegas”
O BNG presentou hoxe no Pleno do Parlamento a proposta de impulso a un plan para o desenvolvemento da lingua galega que teña como piares a reunión, antes do remate do actual período de sesións da Cámara, dunha mesa de traballo cos axentes sociais implicados, que resulte nunha actualización da Lei de Normalización Lingüística de 1983 que garanta o uso do idioma galego no contexto sociolingüístico actual.
“Un plan de impulso que ten que nacer do consenso”, remarcou a portavoz de Cultura, Mercedes Queixas, para fornecer un idioma galego que a deputada comparou “cun ser vivo porque a lingua tamén precisa de alimento, por iso traemos hoxe un alimento necesario para que o galego supere o pretérito imperfecto do que nos alertan os datos e pase a habitar no presente continuo”.
O único que anunciaron os Populares, recriminou a parlamentaria nacionalista, “foi un spot para as letras galegas, e aí morreu o Plan estratéxico para a lingua”, criticoulle a un PP “do que para formar parte semella que se debe renegar do galego en materia de planificación, rexeitamento que vai, incluso, en contra dos seus propios votantes”, denunciou.
Queixas defendeu os tres puntos da moción “nados da realidade, da análise académico-científica e aos estudos da Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, e datos avalados polo rigor do Instituto Galego de Estatística”, emprazou, fronte un PP “que non mudou nada en catorce anos de goberno, como se a realidade sociolingüística fora unha foto fixa, sen ter en conta os cambios sociais”.
Hoxe, alertou a deputada do BNG, o uso do galego adoece “no eido xurídico e nos contextos de comunicación, cantos xornais len as súas señorías en galego? Cantas xuízas ou xuíces redactan as súas sentenzas en galego? Cantos xogos ou xoguetes teñen vostedes agasallado en galego? Quero preguntarlle que lingua é a que vostede, señor conselleiro, escoita das crianzas e da adolescencia nos seus paseos polos centros educativos galegos?”, inquiriu aos deputados e deputadas no hemiciclo.
A portavoz de Lingua desglosou datos como o que sinala que un 24% dos menores de catorce anos “non saben falar galego ou teñen serios problemas para escribir e falar en galego, pode ler as palabras da escritora Ledicia Costas, na que en visitas a centros concertados galegos incluso o profesorado de galego non se expresaba en galego, tampouco coa escritora que estaba a facer a visita”, declarou.
Queixas acusou aos Populares de non ter prevista “ningunha intervención ou planificación de promoción do idioma galego” xa que, denunciou, o PP non atende ao marco legal da Lei de Normalización Lingüística de Fernández Albor ou ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de Manuel Fraga “e incluso a Carta Europea das Linguas Minorizadas, asinada por Aznar como presidente do goberno español”, reprobou.
A moción, na que se recollía iniciar un proceso de diálogo conducente á actualización da Lei de Normalización Lingüística do 1983 adaptada ao contexto sociolingüístico actual, un plan específico para superar a debilidade recollida no Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 a respecto do estancamento do uso habitual do galego e unha mesa de traballo conxunta con ampla representación social, cultural e sindical, foi rexeitada finalmente pola maioría absoluta do PP na Cámara.