Mercedes Queixas pide un plan de impulso do galego no tecido económico e acusa ao PP de por freo á igualdade lingüística
A deputada do BNG subliña que a lingua galega é motor de emprego e de desenvolvemento económico, tamén desde o seu valor como marca identitaria
“O PP nin fai nin deixa facer, é un impedimento para que o galego avance”, dixo
A deputada do BNG Mercedes Queixas reclamou na Comisión 4ª do Parlamento a elaboración dun plan de impulso do galego no tecido socioeconómico comprometido coa restitución da igualdade para a nosa lingua. Un plan, precisou, que teña en conta que a lingua tamén é “motor de emprego e de desenvolvemento económico, tamén desde o seu valor como marca identitaria”.
Na defensa da súa proposta, Queixas subliñou o “valor estratéxico” que ten o idioma, un mercado que “tamén se pode medir en termos económicos”. Referiuse, neste punto, ao estudo publicado polo Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega CG en colaboración co Idega, segundo o cal a contribución económica directa das actividades vinculadas ao galego ascende a 1.440 millóns de euros de Valor Engadido Bruto (VEB) e 27.702 empregos equivalentes a tempo completo.
“O impacto total sobre a economía galega das actividades vinculadas á lingua no ano 2019 representa un 3,4 % da produción da economía, o 4,7 % do VEB (2694,6 millóns de euros) e o 4,8 % do emprego equivalente a tempo completo (49.893 postos de traballo)”, apuntou a deputada nacionalista facéndose eco do informe do observatorio, publicado baixo o título ‘O valor económico do galego’.
Queixas criticou que a Secretaría Xeral de política Lingüística aínda ten pendente a avaliación dos resultados do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020, aínda que “non é difícil de contrastar na realidade que a presenza do galego no tecido socioeconómico non avanza e mesmo se pode comprobar que é aquí onde se vulneran os dereitos lingüísticos de forma notoria”, considerou.
Queixas aludiu, neste sentido, aos informes da Mesa pola Normalización Lingüística ou da Valedora do Pobo, e a avaliación feita polo profesor da USC Miguel Guisantes, para quen o plan de dinamización do galego no tecido económico que rematou no 2020 “está traballado parcialmente pero está infrautilizado”. Segundo os datos recollidos por Guisantes, descendeu un 17 % o uso do galego entre os compañeiros de traballo un 17,3 % entre o persoal ao seu cargo, un 12,1 % entre os traballadores e os seus superiores e un 12,3 % coa clientela.
A deputada do BNG reclamou “ambición” na política lingüística da Xunta e advertiu de que “mirar para outra lado desde o Goberno galego significaría obviar o valor económico do galego e desaproveitar un espazo fundamental para os avances en normalización lingüística”.
Un freo para que o galego avance
O BNG non aceptou a emenda presentada polo PP á súa proposta por entender que “non aporta nada”. Queixas acusou a grupo de apoio ao Goberno de ratificarse nunha política lingüística “contraria ao uso da lingua galega no ámbito socioeconómico” mentres a sociedade avanza noutro sentido. “O PP nin fai nin deixa facer. Desfai e é un freo para que o galego avance”, sostivo.
“O PP celebra a súa despedida do goberno afirmándose no retroceso ao pasado: prohibindo a aprendizaxe en galego na escola, incumprindo a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral, ignorando as reclamacións que lle fan desde a RAG ao Consello de Europa, reducindo os orzamentos ano tras ano e votando en contra do seu uso do galego”, salientou Queixas.
A deputada nacionalista concluíu con reproches á conselleira de Economía, María Jesús Lourenzana, por ter criticado en sede parlamentaria que o acordo de investidura do BNG contemple o reforzo da financiación da adaptación do galego á nova era dixital. As críticas da conselleira demostran que, efectivamente, “o presente e o futuro da nosa lingua é relevante para o BNG” e que “para o PP está claro que non”.