Mercedes Queixas, en Melide: “nunca estivemos tan perto da presidencia da Xunta. Por iso o PP só ten neste momento un tema de campaña: Ana Pontón”
Superado xa o ecuador de campaña, a número dous do BNG por A Coruña, Mercedes Queixas, ofreceu este serán un mitin no centro multiusos de Melide.
“Nunca estivemos tan perto da presidencia da Xunta. Por iso o PP só ten neste momento un tema de campaña: Ana Pontón”, dixo a candidata nacionalista. “Estou certa de que o 18F moitas persoas que nunca votaron BNG, o farán por vez primeira. A sociedade galega ten fame de cambio. 15 anos de goberno da dereita son demasiados. Necesitamos enerxía, ambición e ilusión á fronte da Xunta. Necesitamos ideas novas. Rueda só propón máis do mesmo e con máis do mesmo non podemos agardar resultados novos”, dixo.
A campaña está a pór de manifesto que nin sequera o PP confía no seu candidato. “Por iso non o deixan ir debater con Ana Pontón. Por iso vetan a entrevista con Julia Otero. Non é capaz de defender o seu programa nin a súa xestión”, proclamou Queixas nun mitin en que tamén tomaron a palabra o portavoz local nacionalista, Xesús Pereira, e Alba López, a número 16 da candidatura.
En Melide, Queixas avanzou que co BNG volverán as políticas de posta en valor do Medio Rural galego ao primeiro plano da acción da Xunta. “No período 2005-2009, co nacionalista Alfredo Suárez Canal como conselleiro, puxéronse as bases para unha transformación en positivo do Medio Rural. Estes 15 anos foron anos perdidos para o noso agro. Mais aínda estamos en tempo de recuperar un sector produtivo que é parte da nosa identidade e que é básico na economía galega”, dixo.
“Aínda hoxe estiven reunida con gandeiros galegos que tiveron a coraxe de constituír unha cooperativa e de mercar un matadoiro que estaba en concurso de acredores para o rescatar e poñelo en marcha. Conseguiron demostrar que a empresa era rendíbel, mais agora están en dificultades por falta de apoio da Xunta. Desde logo comprometín o apoio do BNG con eles. A Xunta do PP, en cambio, non está cando se necesita. Iso vai mudar a partir do 18 de febreiro”, comprometeu.
Queixas fixo un chamamento á participación. “Faremos historia se todas as persoas que consideran que Galiza merece un tempo mellor acoden a votar o 18 de febreiro”, dixo. A campaña serviu para esclarecer que só hai dúas escollas: ou o continuísmo gris e apático de Rueda ou o cambio galego confiábel e ilusionante que representa Ana Pontón. “E estou convencida de que a sociedade galega apostará polo futuro e deixará o pasado atrás”, concluíu.