Mercedes Queixas: “Dende o BNG esiximos que se incoe de inmediato o expediente BIC ao Pazo de Meirás para protexer todo o seu patrimonio”
O BNG demanda ao Goberno do PP a incoar “de xeito inmediato” o expediente BIC no Pazo de Meirás, en Sada, fronte o permiso da Xustiza aos Franco para retirar algúns dos ata 700 elementos mobles que forman parte do patrimonio do Pazo no seu conxunto.
“O Estado non incorporou estes bens nas reclamacións que presentou, polo que os Franco poden retiralos nos vindeiros días”, advertiu a portavoz de Cultura, Mercedes Queixas, que detallou a posición dun BNG ao que lle preocupa “que algúns destes elementos os Franco os saquen fóra de Meirás” xa que, argumentou, “vai en contra da propia identidade do pazo, e mesmo tamén condiciona a súa propia declaración como Ben de Interese Cultural”.
De feito, Queixas emprazou á Xunta a actuar “con urxencia” na incoación do dito “para protexer algúns destes elementos mobles, como por exemplo varios conxuntos isabelinos, os anxelotes de bronce ou as lámpadas sobre pilastras”, explicou a deputada do BNG, xa que “non se pode explicar o Pazo de Meirás sen todo o seu conxunto patrimonial completo”.
Estas pezas son “elementos inseparables”, detallou a parlamentaria coruñesa, do conxunto íntegro do inmoble residencia da escritora Emilia Pardo Bazán e, posteriormente, residencia oficial do ditador Franco. “A ausencia destas pezas afecta sen dúbida ó propio significado e o que representa o pazo de Meirás”, remarcou, fronte o cal reiterou a súa urxencia en que o Executivo dos Populares incoe este expediente BIC para a protección de todo o conxunto patrimonial do Pazo de Meirás.