Mercedes Queixas avanza as medidas do futuro goberno galego liderado por Ana Pontón para aumentar a lectura do libro en galego
Acabamos de coñecer os datos correspondentes a 2023 do Barómetro de Compra de Libros e Hábitos de Lectura e non poden ser máis desoladores: só 3% das persoas maiores de 14 anos elixen un libro en galego cando se animan a ler.
“Este dato ben triste é produto de anos de falta de promoción do libro en galego por parte dunha Xunta que, segundo o noso Estatuto, é quen ten a obriga de potenciar a nosa lingua e a nosa cultura”, afirma a número dous da candidatura do BNG por A Coruña, Mercedes Queixas.
Ese dato choca co “momento de esplendor” que vive a literatura galega, co recoñecemento das súas autoras e autores, “e eis temos Paula Carballeira e Yolanda Castaño, escritoras distinguidas cos últimos premios nacionais de teatro e poesía”, remarca Queixas. “O que queda claro é que nos fai falta un Goberno galego que impulse e acredite no potencial do sector do libro e da literatura en galego. Ese goberno está a piques de chegar”, engadiu.
A candidata do BNG avanza as medidas que o futuro Goberno Galego liderado por Ana Pontón porá en marcha para reverter esta situación: “O primeiro a facer é desenvolver o Plan de Fomento de Lectura que o PP non quixo despregar a pesar de estar previsto na Lei do Libro e da Lectura de 2007 [aprobada durante o goberno bipartito en que participou o BNG]. En segundo termo, cómpre un plan de internacionalización que coloque a literatura galega no lugar que lle corresponde no mundo pola súa alta calidade. E tamén reforzar a compra de bibliografía e novidades por parte das bibliotecas públicas priorizando sempre a adquisición de volumes en librarías”.
“As librarías fan cidade e na Coruña desde logo fan parte indispensábel do noso rico tecido cultural. Apoialas será unha das políticas prioritarias do novo goberno galego que a partir do 18F presidirá Ana Pontón”, conclúe.