Mercedes Queixas avanza a creación dun consello galego de persoas con discapacidade como foro “para debater consensuadamente as políticas de atención ás persoas xordas”
A número dous da candidatura do BNG ao Parlamento pola circunscrición coruñesa, Mercedes Queixas, visitou esta mañá a sede da Federación Galega de Asociacións de Persoas Xordas de Galiza, na Coruña.
“Coñecemos de primeira man como se está a realizar a posta en marcha do servizo de interpretación en lingua de signos na sanidade pública, un dos froitos do traballo do BNG no Parlamento galego nesta lexislatura”, resalta Queixas. “Na reunión que acabamos de ter, moi frutífera como sempre, escoitamos as súas achegas e avanzamos en propostas concretas que si van ter reflexo no programa electoral do BNG, entre elas a necesaria extensión da lingua de signos no conxunto dos servizos da Administración galega para favorecer a inclusión”, engadiu.
O Goberno Galego do BNG que presidirá Ana Pontón desenvolverá a Lei de Accesibilidade, aprobada en 2014 no Parlamento galego, mais non posta en práctica pola Xunta, remarcou Queixas. Igualmente, o goberno do cambio galego impulsará un plan de atención ás persoas con discapacidade e creará un Consello Galego de Persoas con Discapacidade como foro e punto de encontro “para debater de forma consensuada as políticas de atención ás persoas xordas”.