Mercedes Queixas anuncia medidas do futuro goberno de Ana Pontón para “rescatar a riqueza marisqueira” das rías
A número dous da candidatura do BNG por A Coruña, Mercedes Queixas, visitou esta mañá un polígono bateeiro na Ría de Arousa após embarcar no peirao de Rianxo no Praia da Torre.
“Esta ría ten unha riqueza impresionante. E vímola coñecer de primeira man. Os datos están aí: produce o 70% do mexillón que se cultiva en todo o Estado”, afirma Queixas, quen estivo acompañado por Rosana Pérez e Carlos Callón, números 3 e 21 da candidatura nacionalista.
O problema é que nos últimos tempos a produtividade da ría está minguando drasticamente, polo aumento da contaminación e o exceso de auga doce derivado da apertura das comportas dos encoros.
“Estase pagando o desleixo e abandono das Rías por parte do PP durante 15 anos de goberno ininterrompidos. O BNG promoverá un plan de rexeneración das rías galegas co obxectivo de recuperar produtividade e postos de traballo. Será financiado con fondos propios e da UE”, avanzou Mercedes Queixas.
“Un mariñeiro de Rianxo acaba de nos dicir que aquí chegou a haber 300 mariscadores a flote e que agora apenas fica unha ducia. Un dato que o di todo”, concluíu.