Mercedes Queixas acusa á Xunta de ser cómplice na desvalorización do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside
A deputada do BNG considera “insuficiente e defraudante” a resolución para declarar BIC o museo e esixe a integración do conxunto de Cerámicas do Castro
Empraza a Cultura a ter en conta ao Laboratorio de Formas e a reaccionar diante da “actitude caprichosa e personalista” do administrador de Sargadelos
A deputada do BNG Mercedes Queixas acusou este martes ao Goberno do PP de ser “cómplice” na desvalorización do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside e, unha vez máis, reclamou a integración no conxunto BIC de Cerámicas do Castro como “berce do maior proxecto de industria cultural de Galiza durante a segunda metade do século XX”. “A Xunta desméntese coas súas actuacións: se o obxecto deste BIC é conservar o legado de Díaz Pardo e Seoane, ten que manter a súa raíz contando co Laboratorio de Formas”, advertiu.
No transcurso dunha pregunta ao Goberno formulada na Comisión 4ª, Queixas considerou “insuficiente e defraudante” a resolución pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural o Museo, “único na súa xénese, na súa concepción e nos seus fondos como mostra do gran proxecto cultural, vangardista e memorialístico, creado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane”.
Criticou así que o proxecto BIC non protexa a unidade a e totalidade do proxecto Cerámicas do Castro, “incomprensible -apuntou- cando si se fixo así na declaración BIC de Sargadelos en Cervo”. “Aquí óptase por segregar o patrimonio e renúnciase á necesaria visión de conxunto”, lamentou.
Con esta “desnaturalización” do proxecto, denunciou, a Xunta “sométese á esixencia particular dun administrador que ten demostrado non valoralo como ben patrimonial”, como acreditou este coa “decisión unilateral” de pechar de novo o museo ao pouco da súa reapertura, nun “acto semiclandestino” que se produciu como reacción ás críticas do Concello de Sada e do BNG ao feito de que a resolución BIC inclúa só o Museo e exclúa a Cerámicas do Castro.
Queixas criticou así mesmo que se teña desvirtuado o nome orixinal do museo por outro “inventado e castelanizado” e asegurou que no pouco tempo que se mantivo aberto o púidose constatar a eliminación de patrimonio artístico, como é o mural iconográfico do exterior da autoría de Rosendo.
A deputada emprazou á Xunta a reaccionar diante dunha “actuación caprichosa e personalista de quen desvirtúa o proxecto cultural fundacional do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, invisibiliza o legado histórico e sométeo a unha visión estritamente mercantilista”.
Do mesmo xeito, pediu ao Goberno do PP que atenda as alegacións rexistradas por particulares e polo Concello de Sada á resolución do BIC, e que reciba aos representantes do Laboratorio de Formas, como entidade fundadora, copropietaria da colección e directora artística do Museo.
“Estamos a tempo de facer xustiza” evitando a “arbitrariedade incoherente” entre o BIC de Sada e o de Cervo, recoñecendo Cerámicas do Castro como “orixe de todo”, destacou na quenda de réplica ao director xeral de Cultura ao director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, a quen lembrou a responsabilidade da Xunta “porque investiu na reforma e na reapertura deste museo”, para o que se anunciou un investimento de 130.000 euros e que agora só abre o venres dúas horas e sen guías. “Que medidas de control se activaron?, preguntouse.
Queixas rematou a súa intervención subliñando que a declaración BIC do conxunto de Cerámicas do Castro, incluíndo o Museo Carlos Maside, supón protexer a maior industria cultural da segunda metade do século X, o legado de Seoane e Díaz Pardo e, tamén, o legado de Mimina, “sempre invisibilizada e auténtica alma mater e sustento do proxecto”.