Mercedes Queixas acusa ao conselleiro de Educación de manipular os datos para destacar incremento de galegofalantes
A deputada do BNG, Mercedes Queixas preguntou si o goberno galego está disposto a apoiar o galego como lingua vehicular do ensino como demanda os informes do Consello de Europa sobre a eliminación das limitacións á docencia en lingua galega en todos os niveis de educación. Ademais, a parlamentaria do BNG tamén se interesou polo retraso na publicación das avaliacións do Decreto do Plurilingüísmo.
Tras a resposta do conselleiro de Educación na que destacou o incremento de galegofalantes, a deputada acusou a Román Rodríguez de “manipular os datos” sobre a competencia lingüística e o uso do galego xa que ambas, explicou non “teñen nada que ver”. Queixas tildou de “perverso” o argumento do titular de Educación por tentar confundir o uso e a competencia lingüística nas franxas de maior idade coas da infancia que son as que realmente “fan perigar o futuro da lingua”, recalcou, Queixas.
Por outra parte, sinalou que o Partido popular, dende hai dez anos, foi “ pioneiro vetando o galego na escola”, prohibírono por primeira vez en democracia a pesar de que para moitas crianzas a escola é o único lugar no que poder aprender a lingua galega. “Fixérono sós e de maneira unilateral”, dándolle as costas ás familias e aos movementos de renovación pedagóxica, ás organizacións sindicais, as universidades, ao Consello da Cultura e a Real Academia Galega pero o Tribunal Superior de Xustiza paroulle os pes anulando dous artigos moi lesivos para o futuro do noso idioma. Agora, dez anos despois, reiterou a parlamentaria do BNG, volven a aliarse coas “pantasmas do pasado” e asumen como propio o discurso do “veto ao galego como lingua vehicular” e incapacitándoo para ser unha lingua de aprendizaxe. Vostedes, “sométense á política máis negacionista, rancia, acomplexada e chea de autoodio”, triste papel, desde logo, lamentou a deputada.
Mecedes Queixas afirmou que “o galego une” pero ao PP só lle interesa confrontar e esa será sempre “a súa penitencia”, concluíu.