As medidas de inclusión social de persoas con discapaciade, claves no programa electoral do BNG
A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que a inclusión social será cuestión fundamental na elaboración do programa electoral do BNG de cara ás eleccións galegas, e así o trasladou na reunión celebrada coa directiva da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, COGAMI, que lidera Anxo Queiruga, na que tamén participou o portavoz municipal en Santiago, Rubén Cela.
A inclusión ten que ser un obxectivo transversal que abarque a todo o goberno, indicou Pontón, ao tempo que pedía dar un paso de xigante que non é outro que facer que as leis teñan eficacia e non se limiten a estar publicadas no DOG, como pasa coa normativa de accesibilidade onde se levan anos de lexislación mentres se seguen a construír edificios con barreiras arquitectónicas, subliñou Pontón.
A tamén deputada salientou que o Bloque aspira a que os servizos públicos no ámbito dos servizos sociais teñan o mesmo despregue que no seu momento tivo o servizo sanitario, e esta é unha débeda que temos como país coas persoas con discapacidade, imprescindible para ter un estado de benestar pleno, sintetizou.
A clave? O financiamento
O Bloque aposta por medidas estruturais para unha mellora substancial da atención social, en particular a modificación do actual modelo de financiamento autonómico, ao que se engade o déficit de recursos para sufragar a chamada Lei de dependencia.
Temos uns servizos públicos infrafinanciados mentres o Estado fai caixa co 30% dos recursos que recada en Galiza vía impostos, cando sería máis lóxico que eses recursos se transferiran ao goberno galego para financiar servizos á discapacidade, indicou Pontón, quen tamén alertou contra a privatización deste tipo de prestacións sociais.
Perspectiva de xénero
Pontón fixo fincapé na perspectiva de xénero á hora de abordar a situación das persoas con discapacidade, e recolle a proposta dos colectivos que integra COGAMI para elaborar un plan de igualdade de xénero para as mulleres con discapacidade e evitar que padezan unha dobre discriminación social, que fai que teñan moitas máis barreiras que superar.
A cuestión do emprego tamén foi abordada na xuntanza como elemento de integración social. Neste punto, dúas propostas: compromiso para reservar emprego público destinado para este colectivo social pero tamén que a Xunta actúe como motor de creación de emprego para persoas discapacitadas en todos aqueles servizos que subcontrate co sector privado.
Discriminación no rural
Ter un emprego é un clave para a integración e para o desenvolvemento persoal e vital, e moitas veces as barreiras están na visión paternalista que se proxecta sobre as persoas con discapacidades, indicou Pontón, tras apostar pola superación de prexuízos e superar as barreiras non só físicas, senón tamén sociais e mentais.
Finalmente, o BNG súmase á demanda de COGAMI para acadar unha rede de servizos públicos que teña unha prestación homoxénea en todo o país, que acabe coa discriminación que sofren as persoas con discapacidade que viven no rural.