Manu Lourenzo: "O plan de docencia non presencial da Xunta é unha nova labazada á comunidade educativa"
O portavoz de educación do BNG, Manuel Lourenzo cualificou hoxe de “nova labazada á comunidade educativa” a presentación do Plan de docencia non presencial da Xunta, tras agardar máis de sete meses polas novas directrices ante o incremento dos contaxios pola COVID no sector educativo.
Neste sentido, Lourenzo lembra que na actualidade hai máis de mil alumnos contaxiados, máis de sesenta aulas pechadas e centos de alumnos en corentena, ao que sumou un profesorado totalmente desbordado. “A Xunta non fixo os deberes e agora obriga os centros de ensino a facer nuns días o que a propia Xunta non fixo en sete meses", criticou.
"A Xunta non fixo os deberes e agora obriga os centros de ensino a facer nuns días o que a propia Xunta non fixo en sete meses"
Para o parlamentario do BNG, a Xunta continúa improvisando e a pesar de contar con 7 meses para preparar un protocolo para organizar o ensino a distancia como exixían todos os axentes da comunidade educativa con dotación de profesorado, horarios e recursos, “a consellería de Educación non presentou nin unha soa liña deste protocolo”. Manuel Lourenzo considera “un insulto” a toda a comunidade educativa que a Xunta anunciara o protocolo para o mes de xaneiro, para despois trasladalo a decembro e hoxe un novo anuncio para informar que serán os centros de ensino os que deban elaborar este plan cun prazo de sete días para a súa presentación.
Na súa opinión, este proceder confirma o “nivel de irresponsabilidade e improvisación” da consellería de educación e o desleixo da Xunta ante a situación xerada polas consecuencias da Covid no ensino galego, recalca o deputado do BNG.