Máis de 2.200 militantes participaron na Asamblea do BNG

Ás 10 horas abriuse a XIV Asamblea Nacional do BNG que renovou a súa dirección e elexiu un novo portavoz nacional, Xavier Vence.

Unha Asamblea que contou cunha ampla e concorrida participación, máis de 2.200 militantes que acudiron a esta importante cita procedentes de todas partes de Galiza e da emigración.

Despedida de Guillerme Vázquez

Unha vez votada a orde do día e o Regulamento, comezou o debate do Informe de Xestión e o Relatorio Político. Guillerme Vázquez, o portavoz nacional saínte presentou o Informe de Xestión nunha intervención que fixo alusión á situación política actual, con críticas ao “niño dos Peares”, con chamamentos á fortaleza do BNG enfatizando que “non nos maten os soños” e “sairemos máis comprometidos que nunca”.

Guillerme Vázquez tamén aproveitou a súa intervención para amosar o “meu apoio incondicional ao que será o novo portavoz nacional do BNG, Xabier Vence” e tivo palabras de despedida ao sinalar que “para min foi un orgullo ser o portavoz nacional de todos vós”.

No seu turno de presentación do Relatorio Político, Xabier Vence, fixo un breve repaso do ano transcurrido desde que se celebrou a anterior Asamblea do BNG, a de Amio. “Aconteceron moitas cousas, todos debemos ser conscientes dos cambios”. Así pasou do xeral ao particular, explicitando as duras políticas de austericidio da UE: un ano de ataques ás conquistas sociais, o ano do resgate financeiro ao estado español que trouxo “duras consecuencias sociais e a devalucación da democracia”.

O que será elexido hoxe como novo portavoz nacional do BNG fixo mención ao duro ano de goberno central a golpe de decretazos, e o “sometimento de Feijoó á política de Madrid. Non temos un goberno galego senón unha sucursal de Madrid”, enfatizou. Non esqueceu a imediata actualidade, a corrupción política que “é un problema do PP”.

Xabier Vence aludiu asemade á crise dentro do nacionalismo galego e os diferentes camiños adoptados. Deixou claro que o “BNG leva sendo soberanista desde o seu inicio. Non hai unha deriva nacionalista, o que hai é unha deriva centralista”. Fixo constantes chamamentos á unidade interna para que o “nacionalismo volte a medrar”. Pediu correxir os erros e cohesión e unidade “sen loitas internas”. Asemade, apelou á necesidade de cambiar as formas de nos relacionar “dentro e coa xente”.

A Asambela desenvólvese ao longo da mañá coas solicitudes de quendas sobre o debate do Informe de Xestión e o Relatorio Político, e as emendas presentadas.