Luís Bará: "A tranferencia da AP-9 e a súa gratuidade é unha prioridade nas negociacións para a investidura"
O deputado do BNG, Luís Bará respondeu hoxe ao Director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas que “Galiza está presente nas negociacións da investidura, porque está o BNG”. Na réplica á comparecencia de Francisco Menéndez para informar da proposta remitida pola Xunta de Galicia ao Ministerio de Fomento sobre o impacto das peaxes da AP-9, o nacionalista reiterou que “o BNG cobrará un prezo moi alto polo seu voto”, voto que pasa por “melloras na AP-9, outra xestión diaria, baixada das peaxes e como obxectivo final, a transferencia da autoestrada e a súa gratuidade”.
Na súa intervención, Bará recalcou que a AP-9 non só foi “unha navallada”, foi un “auténtico atraco a man armada ”. Quedámonos cortos tildando de “navalla” o impacto brutal da infraestrutura nalgunhas zonas, dixo, e engadiu que a maiores temos que sumar “a estafa” que supuxo para todos os galegos e galegas a autoestrada.
O deputado lembrou que en varias ocasións, o BNG trasladou ao goberno do estado a transferencia da AP-9 e foron os “gobernos de turno” os que tombaron a reclamación. Ademais, dixo, no Parlamento galego dende o BNG defendemos un proxecto de lei que trasladamos ao resto dos grupos parlamentares para convertelo “nunha postura de país” e que foi aprobado por unanimidade en tres ocasións pero foi “vetado polo Partido popular” que impediu a súa tramitación na Mesa do Congreso.
O nacionalista cualificou de “filibusterismo” comparecer no Parlamento galego e afirmar que entre os ano 2012 e 2018 o Partido popular non foi responsable das obras e xestión da AP-9 cando no ano 2012, foi a propia ministra, Ana Pastor a persoa encargada de asinar o cumprimento do convenio do 2011 para as obras da ampliación de Rande.
Bará concluíu a súa intervención reiterando os obxectivos do BNG sobre a “transferencia e gratuidade da AP-9 nesta lexislatura, a aplicación de descontos nas peaxes e cumprir con todos os acordos aprobados no Parlamento galego”. Xa pagamos 3.000 Millóns, e 1.000 de beneficios, e nos últimos once anos, 500 millóns que pagamos todos os galegos e galegas, canto imos ter que agardar para que a AP-9 sexa transferida a Galiza?.