Luís Bará: “Toca cambio e no BNG teñen cabida todas as persoas que queren unha Galiza mellor”
“Toca cambio e no BNG teñen cabida todas as persoas que queren unha Galiza mellor”. Esa foi a mensaxe que o cabeza de lista do BNG, Luís Bará, trasladou hoxe no mitin nacionalista en Poio, onde fixo unha chamada á participación masiva o 18F e a que todo o voto inconformista e canso do desgoberno do PP se xunte na papeleta do BNG. “Da igual que se votara noutras ocasións, ou como é a maneira de sentirse galegas e galegos. Non pode perderse ningún voto para derrotar ao Partido Popular”, sublliñou.
O número un do BNG pola provincia destacou que nestas eleccións galegas só hai dúas alternativas, “un goberno cun presidente gris como Rueda, que deixa un país en retroceso tras 14 anos de desleixo, ou o goberno da esperanza e da ilusión, dunha presidenta do BNG, Ana Pontón, capaz de poñer en marcha a mellor Galiza”, dixo.
Salientou que as sensacións cara o BNG son moi boas tanto na rúa e nas enquisas, pero subliñou que non hai nada feito. Advertiu que “”abrir un tempo novo para Galiza está ao alcance das nosas mans”, polo que pediu que todas as persoas que queren cambio deben traballar ata o final da campaña para convencer ás e aos indecisos de que é posible “un país mellor”. “Hai que dalo todo. Este é o ‘arreón’ final”, dixo, explicando que non se poden perder votos en opcións que de non saír beneficiarían ao PP.
A formación nacionalista, insistiu Bará, “ten proxecto de goberno para devolver a esperanza ao país”. Subliñou que dende a Xunta de Galiza o BNG fará realidade propostas para mellorar a vida da xente tanto dende os servizos sociais como poñendo o país a producir, mellorando a economía e xerando emprego. “Gobernaremos con dignidade e con equidade –prometeu-, retirando privilexios a uns poucos para garantir dereitos para a maioría social”.
O cabeza de cartel fixo referencia a algúns dos proxectos que o concello de Poio necesita para medrar e prosperar e criticou o sectarismo do Partido Popular, que marxinou o municipio mentres foi gobernado polo BNG e que agora, na campaña, promete en 15 días o que non cumpriu en 15 anos.
Fixo referencia á posta en marcha da variante de O Vao, ao desenvolvemento do polígono de Fragamoreira, ao novo centro de saúde nos terreos da canteira da Graña, con máis profesionais e especialidades médicas, ou a mellora da seguranza viaria na PO-308, compromisos que o BNG cumprirá, dixo, á súa chegada á Presidencia da Xunta.
A portavoz municipal en Poio, Marga Caldas, tamén sinalou que o concello de Poio é un claro exemplo do “bloqueo” do PP e de “como xestionan as súas políticas” de maneira clientelar. Lembrou que a PO-308 a seu paso por Poio ten o seu maior índice de feridos e falecidos en zonas con núcleos de poboación sen que ata o de agora se tomasen medidas ao respecto. “Nos Concellos onde goberna o PP constrúen beirarrúas e aos veciños de Combarro colócanlle pivotes, sen espazo para os peóns. En Sanxenxo pola PO-308 camiñas, en Poio xógaste a vida camiñando”, criticou.
Falou Caldas tamén do “abandono da xente do mar”, da que dixo está nunha situación precaria que non se resolve con esmolas, e puxo sobre a mesa o Plan Rías do BNG, o proxecto para rexenerar as rías do país e a iniciativa de garantir cun seguro digno as persoas que viven do mar en situacións extremas coma a actual. “Se non coidamos o mar, non hai produto. Co PP nin temos as rías saneadas nin temos a garantía do produto”, dixo.
Por todo isto, Caldas apelou a unha rexeneración democrática na Xunta, para darlle aos concellos o que lle corresponde, “nin máis nin menos” e que “non se caciquee” cos fondos públicos.
“Non podemos permitir que as políticas do Partido Popular, o mal uso das administracións públicas, a falta de investimentos para Poio sigan bloqueando o crecemento de Poio. Por iso este 18 de Febreiros ábrese unha nova oportunidade que temos que aproveitar, temos que facernos valer e desenvolver todo o potencial deste país. Se todas e todos as que queremos o cambio imos votar, e concentramos o voto n BNG, o cambio vai ser seguro”, finalizou.