Luís Bará tilda de “kamikaze” a estratexia do PP na xestión dos residuos e advirte do “gran negocio” que hai detrás de Sogama
Nunha intervención na Comisión 2ª da Cámara, o nacionalista considerou un “fracaso estrepitoso” a taxa de reciclaxe rexistrada por Sogama (21 %) e referiuse á “imposición” do quinto colector, vinculado á bonificación do 15 % de Sogama aos concellos, coma un “disparate” e unha “solución aberrante” detrás da que se agocha “un gran negocio das empresas xestoras”. Bará reclamou, neste sentido, o apoio a alternativas “de proximidade” -compostaxe doméstico e comunitario- que se poderían implantar na maioría dos núcleos de poboación.
O parlamentario do BNG preguntou ao presidente de Sogama polo Plan de Xestión de Residuos Municipais de Galicia, que aínda non se aprobou e vai con retraso sobre o calendario establecido. E acusou ao Goberno do PP de tomar decisións “unilaterais” previas que xa van condicionar ese plan, como a adxudicación dun contrato millonario por dez anos e 336 millóns de euros para a planta de incineración, un contrato -precisou- que é “unha hipoteca de futuro” e que consiste en que “canto máis lixo se queime, mellor”. “A eficiencia e eficacia de Sogama a través desta planta consiste en ter combustible que alimente esa gran infraestrutura”, criticou o deputado do BNG.
O mesmo sucede, engadiu, co Plan Estratéxico de Sogama 2030, cuxa elaboración xa foi contratada por 579.000 euros e que tamén vai estar condicionado por actuacións xa decididas.
Bará referiuse así mesmo ao proxecto tractor do centro de economía circular como outro dos “grandes negocios tramados por Sogama” -da man de Reganosa, Sociedade Impulsa, Repsol e Naturgy- para concentrar en Cerceda a xestión conxunta de residuos de orixe municipal e agrogandeiro. “Levan dous anos vendendo esta moto sen nada que sustente esta proposta”, dixo.
“Vostedes agora están nunha fuxida cara adiante, nunha estratexia kamikaze de condutor suicida e dando bandazos como un polo sen cabeza recoñecendo o seu fracaso”, subliñou Luís Bará. que rematou a súa intervención tirando de ironía: “Compren un botafumeiro, porque pode ser un gran símbolo no anagrama de Sogama, que cheira tan a podre”.