Luís Bará: “Temos que acabar co maior desastre ambiental de Pontevedra e trasladar ENCE como exixe a lei”
Avogou por unha nova ubicación da empresas para xerar 500 novos postos de traballo en turismo e marisqueo ao que sumou unha política forestal “decente” para favorecer a renda do monte de 200.000 familias
O deputado do BNG, Luís Bará reclamou accións urxentes ao goberno para trasladar ENCE dos terreos de dominio público da Ría de Pontevedra porque, estamos, dixo, “ante o maior desastre ambiental”.
Bará denunciou que o PP tentou “asaltar o pleno do concello de Pontevedra”, e a súa vontade maioritaria contraria a permanencia da pasteira ao que sumou as palabras do propio director de ENCE, que afirmou que resultaba “máis fácil” cambiar a opinión da xente que trasladar a fábrica. Quixeron facelo a través de millóns de euros para comprar vontades pero non contaron coa “oposición frontal” da maioría da sociedade pontevedresa e do seu concello liderado polo BNG.
Na defensa da proposición non de lei, o nacionalista reiterou que o “BNG non se compra con abalorios, chantaxes e coaccións”. Para Bará, tras os gobernos de Fraga e Aznar entramos nunha etapa de “mentiras e falsidades, e sobre todo unha etapa hipócrita” como constata o acordo da Xunta reunido en Pontevedra no mes de maio do 2009 no que o propio presidente da Xunta afirmou “non cabe a posibilidade de manter ENCE na ría e non imos dicir unha cousa e manter a contraria”. Pero é que no programa do 2012, o PP mantiña a súa postura para que ENCE abandone o seu actual emprazamento. “Hai que ter unha cara de cemento armado”, dixo o deputado.
Por outra parte denunciou o incumprimento dos acordos parlamentarios e o POL que prevía unha área de mellora para os terreos, o POL continúa en vigor así como as directrices pero a pesar da súa legalidade “non se están a cumprir”.
O deputado cualificou de “traizón” a Pontevedra e manifestou que Feixóo debeu ter “unha aparición mariana” porque despois da chamada de Mariano Rajoy, cambiou de postura para manter os “intereses do IBEX, ENCE e dos poderosos”, ademais dos que ofrecen “as portas xiratorias e a corrupción publicada no BOE”. Vostedes, dixo, dirixíndose á bancada dos populares, “actúan como teleñecos dirixidos desde Madrid” e reiterou que “son os tontos útiles das empresas do IBEX”.
O goberno debe atender as recomendacións do Goberno de Pontevedra e avalados pola Avogacía do Estado. A decisión da concesión de 75 anos a ENCE “é ilegal” e a propia lei constata que non existe “ningunha razón” que xustifique a súa permanencia na ría de Pontevedra.
Finalmente, o deputado do BNG rexeitou o argumento do portavoz popular relativo á perda de postos de traballo, fágolle unha proposta, díxolle Bará a Moreira “completando o ciclo produtivo temos o dobre de postos de traballo” é dicir, 600 e ademais xeramos novos empregos na ría vinculados ao turismo e a explotación marisqueira, “500 postos de traballo máis” e si a isto sumamos unha política forestal “decente” conseguiremos que 200.000 familias se poidan beneficiar de rendas do monte.
A proposición non de lei do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.