Luís Bará: “O sector do leite pode dar moito máis de si se Galiza aposta pola transformación e o valor engadido”
- O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra avogou hoxe por crear e fortalecer un grupo lácteo galego na súa visita á fabrica de Clesa
- Sinalou que a agrupación de cooperativas lácteas da fábrica de Caldas é demostración de éxito logo de aplicar boa xestión e innovación
O cabeza de lista do BNG ás eleccións galegas pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe que “o sector do leite pode dar moito máis de si se Galiza aposta pola transformación e o valor engadido”. O nacionalista así o dixo na visita á fábrica de iogures de Clesa en Caldas de Reis, onde subliñou que o goberno da Xunta debe crear e fortalecer un Grupo Lácteo Galego, así como apoiar “claramente e con valentía” iniciativas que apostan pola innovación.
Bará definiu a visita á fábrica de Caldas como moi positiva, xa que ao seu entender, Clesa “pon de manifesto que se o sector lácteo galego aposta polo cooperativismo como fórmula facendo un produto de calidade hai capacidade para poñer no mercado produtos e fórmulas de éxito incluso nun mercado moi competitivo e con moita competencia desleal”. “ Galiza ten potencial, recursos e saber facer, e iso hai que aproveitalo porque hai futuro para o sector”, subliñou.
En canto ás posibilidades de recuperación do sector, Bará sinalou que hai grupos empresariais foráneos que están a comprar fábricas en Galiza e interesándose por realizar investimentos no país, o que demostra que “o sector ten futuro porque hai outros ciclos de crecemento que se poden levar adiante con boa xestión e desenvolvendo produto de calidade como hai en Galiza”.
Neste sentido, o candidato sinalou que é fundamental que o Goberno galego aposte claramente e con valentía por iniciativas propias e punteiras que avoguen pola modernización e a innovación, así como por crear e fortalecer un Grupo Lácteo Galego. Así, subliñou que as agrupacións lácteas unidas en Clesa “xa son dalgún modo un xerme dese grupo lácteo galego porque supoñen o 20% da produción láctea do país”. “É preciso ter unha visión estratéxica”, subliñou, para lembrar que o BNG aposta por aplicar selectivamente as axudas públicas aos investimentos na industria láctea, concentrando o apoio aos proxectos que permitan desenvolver liñas novas e produtos de alto valor engadido.
“Pódense facer produtos empresariais que medren e que teñan expansión, que cheguer aos mercados, que diversifiquen a súa produción. Galiza ten que ter ambición, produtos innovadores, ten que ter proxectos de calidade en todos os sectores, e no sector primario e do leite tamén. Así poderemos chegar moi lonxe”, finalizou.
Visita ao Mercado
Bará, que estivo acompañado na visita a Clesa por diferentes cargos orgánicos e institucionais do BNG trasladouse despois ao centro de Caldas de Reis, onde percorreu o mercadiño e a Praza de Abastos para interesarse pola situación do comercio local. Alí manifestou o apoio do BNG ao comercio de proximidade, incentivando a compra de produtos locais e galegos, así como a distribución e relación comercial directa entre persoas produtoras e distribuidoras. Tamén sinalou a aposta polos centros comerciais abertos como fórmula de oferta competitiva do comercio tradicional fronte a outros formatos.