Luís Bará reivindica o BNG como unha formación garantía da defensa do medio ambiente
O cabeza de lista do BNG para as eleccións galegas do 5A Luís Bará reivindicou hoxe ao BNG como unha formación garantía do medio ambiente nunha reunión celebrada coa Plataforma pola Protección da Foz do Miñor. Bará destacou que o Bloque se caracteriza por reivindicar de maneira clara e contundente a recuperación de espazos naturais atacados, poñendo o exemplo da Ría de Pontevedra e Ence.
Bará comprometeuse cos membros da Plataforma da Foz do Miñor a tomar as medidas necesarias - unha vez se teñan responsabilidades de goberno na Xunta de Galiza- co fin de conseguir a completa rexeneración de todo o espazo natural da zona húmida de marisma formada polos ríos Miñor, Groba e Belesar que verten de forma conxunta á enseada de Baiona, na ría de Vigo.
O nacionalista escoitou as demandas do colectivo da man de varios membros da plataforma, que se basean na ordenación dos recursos, a eliminación dos impactos paisaxísticos, a minorización de impactos inevitables, a eliminación da contaminación, a restauración da zona marisqueira, a ampliación da área da Rede Natura, a restauración da calidade da auga e das beiras e do bosque de ribeira.
Bará manifestou a coincidencia na aposta pola recuperación do espazo natural. Sinalou que o BNG defende unhas rías e unha costa limpas e saneadas, nas que se potencie a pesca artesanal, o marisqueo e a acuicultura tradicional e non se consintan degradacións por intereses especulativos. Salientou a necesidade de que os espazos de costa sigan sendo un ben público, sen aceptar intentos de privatización.
O cabeza de lista subliñou que historicamente o Bloque é unha formación que leva no seu ADN a defensa do medio ambiente. Destacou, neste sentido, a loita histórica que se vén realizando na ría de Pontevedra contra a instalación de ENCE nunha zona marítimo terrestre. Tamén destacou a valentía da formación nacionalista lembrando que onte un concelleiro do Concello de Caldas fora agredido por un empresario por denunciar uns verteduras ilegais no monte. “Traballamos na defensa dos veciños e veciñas e do medio ambiente. Temos conviccións firmes e non nos amedrentan”, dixo.
Así mesmo, Bará aproveitou para afirmar que o BNG encara o camiño cara ao 5A de maneira animosa e con moita enerxía, convencido de que será a alternativa galega para dar un tempo novo ao país. “Galiza non precisa cambios cosméticos, precisa cambios de fondo para saír desta década escura, e o Bloque é o mellor antídoto e antítese contra o voto do PP”, dixo.
O nacionalista fixo fincapé en que os nacionalistas galegos teñen un proxecto de futuro e unha candidata que será a mellor presidenta: “O 5A temos a opción de que Galiza sexa gobernada dende aquí, da man da única forza política coas mans libres, e coa mellor candidata, Ana Pontón, que entrará na historia por ser a primeira muller, feminista e nacionalista, que goberna na Xunta de Galiza”.