Luís Bará: “Rajoy e Feijóo deben condear as ameazas contra os deputados do BNG ou serán cómplices de prácticas paraterroristas”
- O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra participou hoxe na concentración contra as pintadas e coaccións sufridas polo deputado Uxío Benítez en Tomiño polo ‘conflito’ do parque de maquinaria
- Lembrou que o goberno do BNG na Deputación “seguirá a eliminar o caciquismo instalado na época de Louzán” porque “non nos van amedrentar”
O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, esixiu hoxe a Mariano Rajoy e a Núñez Feijóo que “fagan unha condena enérxica da campaña mafiosa, de coaccións e de ataques á dignidade que están a sufrir os deputados do BNG na Deputación, porque senón serán complices de prácticas paraterroristas”. O nacionalista realizou estas declaracións hoxe en Tomiño na concentración de apoio ao deputado Uxío Benítez, que foi obxecto de novas pintadas ameazantes -que o poñían como centro dunha diana e o insultaban chamándolle cacero ou corrupto- no marco do ‘conflito’ do parque de maquinaria da Deputación.
O número un da lista do BNG por Pontevedra lembrou que as ameazas xa comezaron o pasado mes de maio, cando se chegaran a poñer coroas fúnebres destinadas ao deputado e ao vicepresidente provincial en varios puntos da provincia. “Agora co inicio da campaña electoral recrudecéronse os ataques e as pintadas mafiosas, de ameazas e coaccións a deputados do BNG na Deputación de Pontevedra. Ante esta situación, e tendo en conta que hoxe o Partido Popular está na praza de touros de Pontevedra, dende o BNG queremos, -dixo Bará- que Rajoy e Feijóo condeen estas actuacións que, dende logo, son ofensivas e unha incitación ao odio e á violencia que debemos desterrar da política”.
Bará tamén destacou que estes ataques e coaccións non van a amedrentar aos representantes do BNG en ningunha institución: “Non nos van volver atrás. Seguiremos coa nosa política de democratizar a Deputación, de eliminar todo tipo de prebendas e privilexios que foron instalados polo Partido Popular na época do señor Louzán... Acabouse o caciquismo e chegou un tempo novo á Deputación de Pontevedra. Non imos dar un paso atrás e vai seguir entrando aire limpo na institución provincial”, subliñou.
O cabeza de lista engadiu que dende o mes de maio de 2015 hai transformación profunda na maneira do novo Goberno provincial. “Foi evidente neste tempo o impulso transformador que se lle deu a esta institución nas materias do BNG. Tamén foi evidente o empeño porque fose unha institución vencellada coa idea da equidade e a igualdade. Gobernar para a maioría significa rematar con privilexios, con vantaxes e beneficios, tratos de favor que benefician a unha minoría. Iso é precisamente o que está a facer que haxa certas resistencias a estes avances que está impulsando o BNG”, salientou.
Hai que lembrar que Benítez eliminou os cobros de dietas e pernoctas sen xustificar aos traballadores do parque de maquinaria (que ascendían a unha media de 700 €/mes) obrigando a presentar facturas formais para esas necesidade. Ata ese momento, os traballadores do parque, considerados ‘o brazo armado do PP’ cobraban esas cantidades sen obriga de presentar documentación grazas a unha orde presidencial asinada polo presidente Louzán. Xusto no inicio da campaña electoral CC OO anunciou o inicio dunha nova folga e apareceron novas pintadas ameazantes.