Luís Bará propón que Xunta, Estado, forzas sindicais e ENCE negocien a saída da Ría e o PP négase
O portavoz en materia de Medio ambiente do BNG, Luís Bará lamentou o voto desfavorable do Partido popular á proposición non de lei sobre o acordo para que “Xunta, Estado, forzas sindicais e ENCE negocien a saída da fábrica da ría de Pontevedra”.
Na súa intervención, Bará lembrou as recentes declaracións do presidente e conselleiro delegado de ENCE, Ignacio de Colmenares tras unha reunión coa forzas sindicais nas que advertía do “susto ambiental maiúsculo” por deficiencias nas instalacións relacionadas co desinvestimento da fábrica de Pontevedra. Estas declaracións, explicou o deputado, eran a punta do iceberg dunha “escalada de chantaxe, presión, intimidación e violencia” que desembocou no ataque contra o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e membros do equipo de goberno municipal o pasado 11 de marzo. Neste sentido, volveu a exixir a “condena do PP a estes feitos”.
Para o nacionalista, os ataques contra o BNG continúa pero o PP deuse conta da gravidade dos feitos e tentou minimizalos e “baixar o pistón” e aínda así, reiterou Bará, a campaña de “presión mafiosa” de ENCE persiste e busca condicionar as decisións democráticas do Parlamento galego. “ Por toda a pasta que teñan, o BNG non se vende”, sentenciou o deputado.
Son vostedes “unha fraude” dixo mirando para as bancadas populares, e nomeou ao ex-conselleiro, Agustín Fernández quen afirmou “se ENCE non se traslada será unha fraude” e agora o PP afirma que o BNG quere pechar a fábrica cando o PP durante cinco anos defendeu o traslado de ENCE. O PP “non ten escapatoria”, o BNG é coherente e os que traizoaron a Pontevedra foron vostedes, remarcou.
Bará tras cualificar de “contaminación a porta xiratoria de ENCE”, subliñou que a proposición non de lei do BNG recollía o acordo do pleno municipal de Pontevedra do pasado luns que avoga por un entendemento entre a “Xunta, a empresa e os sindicatos para recuperar a ría de Pontevedra”.
Ademais, lembrou que o presidente de ENCE afirmou que era “máis fácil cambiar a opinión pública que trasladar de lugar a fábrica” e ENCE leva 20 anos tentando cambiar a opinión pública de Pontevedra pero, remachou o deputado, “non o conseguiu” porque hai un goberno municipal con “dignidade e ética” e non hai pasta que o poida vencer.
Por outra banda criticou que o portavoz popular, Manuel Santos utilizara un estudo para constatar que ENCE non pode ser traslada ao que o nacionalista respondeu que o informe foi elaborado pola consultora da propia ENCE. O estudo reflicte que trasladar a fábrica implicaría investir 700 millóns de euros, incluídos os 45 para desmantelar as instalacións. A empresa quere manter a prorroga, pero a prorroga continua pendente dunha sentenza xudicial porque cuestiona a súa legalidade.
O presidente de ENCE anunciou que investiría 400M€ si hai garantía da concesión e 200 Millóns de euros máis para intentar comprar a vontade popular para derrocar o goberno municipal de Pontevedra, en total, 600 Millóns de euros. Pola contra, engadiu Bará, néganse a convocar unha “mesa para traballar no traslado da fábrica”, proxecto que debe ser liderado pola Xunta con competencias para facelo.
O PP fixo pasar un dromedario polo ollo dunha agulla
Sen embargo, a Xunta utilizou as competencias en Ordenación do territorio vulnerando a lei para concederlle unha “impresentable prorroga a ENCE”. No 2015 cambiaron de postura e usaron un informe favorable para prorrogar a concesión. “Foi unha decisión política non técnica. Fixeron pasar un dromedario polo ollo dunha agulla cunha decisión tomada a 600Qm de Pontevedra”.
Temos a oportunidade para acadar máis emprego e de máis calidade na ría de Pontevedra, con montes funcionais e non a servizo dunha empresa. “Más traballo na ría, na industrial forestal, nunha fabrica que peche ciclos e na recuperación dos montes par poñelos ao servizo de Galiza e non das empresas depredadoras, de portas xiratorias, da corrupción en B e dos despachos do IBEX”. Este é o proxecto do BNG e vostedes deben escoller entre defender os intereses da xente ou poñerse ao servizo de ENCE.