Luís Bará propón rescatar o proxecto do Centro de Reparacións Navais da ría de Vigo para garantir traballo estable
O cabeza de lista do BNG aposta pola intervención pública e por un plan de futuro para o sector que xurda da Mesa do naval
Anuncia a destitución inmediata de López Veiga cando o BNG chegue á Xunta o 12X “por poñer paus nas rodas ao relanzamento de Vulcano”
A candidatura do BNG presentou hoxe en Vigo o seu proxecto ‘estrela’ para o relanzamento do sector naval. O cabeza de lista Luís Bará, apostou pola posta en marcha dun Centro de Reparacións Navais da ría de Vigo, un proxecto xa iniciado na época na que o BNG tivo responsabilidades de goberno na Xunta de Galiza e que, segundo lembrou, quedou gardado nun caixón durante once anos: “Reactivarémolo porque é a garantía de ter traballo estable e continuado para o sector do naval e para a industria auxiliar”.
Bará fixo estas declaracións tras a reunión que mantivo –acompañado das tamén candidatas Alexandra Fernández e Carmela González- con representantes do sector naval en Vigo para presentar as propostas nacionalistas. Destacou que a comarca de Vigo e Galiza teñen que ter unha aposta decidida polo sector industrial como eixo vertebrador do futuro do país para ter riqueza e emprego de calidade, e nomeadamente polo sector naval que, ao seu xuízo, “tivo moitísima puxanza no pasado e está nun proceso de declive polas políticas do Partido Popular”.
Para reverter esa tendencia explicou que o BNG ten unha proposta ambiciosa que parte da intervención pública do goberno, de impulsar un plan de futuro para o naval, e de activar e convocar a Mesa do naval prevista na Lei do sector naval de Galiza “para que senten aí todos os sectores e os axentes deste ámbito”.
“Tense que lanzar un proxecto público para Barreras, cunha intervención decidida do goberno para garantir un plan de viabilidade deste estaleiro histórico que está agora na corda frouxa, e tense que garantir tamén a continuidade do emprego naval e industrial nos terreos de Vulcano, que está en entredito polo boicot da Autoridade Portuaria de Vigo”, apuntou Bará. Por esta situación o BNG, anunciou, unha vez chegue ao goberno o 12X destituirá ao presidente da autoridade portuaria, Enrique López Veiga, que cualificou como “un axente do Partido Popular que lle está poñendo paus nas rodas ao relanzamento dun proxecto empresarial para Vulcano”.
Por último, e en relación ao proxecto do centro de reparacións navais da ría de Vigo, destacou que será vital para o sector porque a ría é unha zona de alto tránsito de barcos a nivel mundial. Lembrou que o proxecto data do ano 2008 e subliñou que sería unha táboa de salvación para estaleiros e industria auxiliar.
Bará salientou tamén a necesidade dun plan estratéxico para o naval en alianza coas universidades e o sector empresarial no que se potencie a innovación, a investigación e a alta cualificación do persoal como chaves para que o sector galego sexa competitivo. “Non podemos ser competitivos con salarios baixos, pero si podemos ser competitivos na investigación, na innovación e tamén na alta cualificación do persoal traballador e na especialización. Aí hai un grande traballo por facer se realmente hai un goberno que aposta realmente por esta vocación innovadora do país”, explicou.