Luís Bará propón a posta en marcha de protocolos contra o acoso sexual en todos os niveis educativos
O cabeza de lista do BNG reuniuse con profesoras e alumnas da Escola Superior de Arte Dramática de Vigo, que confirmaron a suspensión temporal dun profesor denunciado por acoso sexual
O nacionalista esixiu a actuación contundente e inmediata da conselleira de Educación ante os casos que permanecen abertos
O cabeza de lista do BNG para as eleccións galegas do 12X Luís Bará, avogou hoxe pola posta en marcha de protocolos de prevención e contra o acoso sexual en todos os niveis educativos, incluíndo as escolas de formación non regrada. Así o manifestou nun encontro con profesoras e alumnas da Escola Superior de Arte Dramática de Vigo, que confirmaron a suspensión provisoria dun profesor denunciado por acoso sexual tanto pola vía administrativa e pola vía xudicial.
Bará, acompañado da tamén candidata Carmela González, destacou que son necesarios regulamentos e procedementos áxiles e diferenciados para o tratamento de casos de acoso e abuso que permitan medidas cautelares. Subliñou que a administración debe dar unha resposta rápida, pero tamén sinalou a necesaria implicación política para dar solución a situacións como a vivida na ESAD.
De feito, Bará deu os parabéns pola loita ás mulleres da Escola e fixo un recoñecemento da mobillización e loita exemplares, dificultadas polo confinamento, que permitiron sacar á luz unha grave situación “diante da que non podemos facer impasibles”. Fronte a esta mobilización, dixo, “temos o contrapunto da administración galega que actuou con excesiva lentitude e pasividade na tramitación das denuncias. Unha administración da Xunta que vai moi por detrás da sociedade, que creou unha especie de muro de silencio que é preciso derrubar a base de denuncias e mobilización como fai a comunidade escolar da ESAD”, dixo, para engadir que “as denuncias teñen que lle queimar nas mans á conselleira, que é quen ten a responsabilidade política pola ausencia de resposta ás persoas afectadas”.
Bará insistiu en que nos casos da ESAD hai responsabilidades administrativas e políticas e esixiu a actuación inmediata e contundente da conselleira de Educación para actuar ante estas denuncias. De feito, indicou que o BNG comprométese a impulsar dende o goberno galego un protocolo de actuación dende o ámbito educativo para dar unha resposta áxil e axeitada a casos de abuso, acoso sexual e tamén de abuso de poder.
Profesoras e alumnas, de feito, lembraron que comezaron a denunciar a situación de acoso sexual e abuso de poder en febreiro. Explicaron que os últimos meses ata a suspensión temporal do profesor a semana pasada foron “meses de silencio” administrativo despois de que se acudira á inspección educativa, e que só cando se acudiu á fiscalía “se moveu o tema”. “Estabamos frustradas porque non había resposta. Dicían que non podían facer nada por paralización dos procedementos polo estado de alarma. De feito este profesor mantivo durante o confinamento contacto diario coa alumna acosada diariamente porque era o seu profesor de traballo de fin de grao. Era unha situación estresante. Está claro que a administración puido ter feito máis e moito antes”, destacaron as compañeiras, que lembraron que agora restan por continuarse dous expedientes máis de acoso.
Por outra banda, tamén Luís Bará tamén transmitiu hoxe o compromiso para resolver dende o goberno galego outro tema pendente para a ESAD: é a adscrición á universidade para rematar co limbo legal no que agora están estes estudos que non teñen recoñecemento como estudos universitarios.