Luís Bará: "O PP sigue enrocado no modelo de SOGAMA e non avanza en sistemas sostíbeis co medio ambiente"
O parlamentario propuxo seguir o sistema de composteiros implantado polo concello de Pontevedra, un modelo de vangarda e en liña cos obxectivos marcados pola Unión Europea
Santiago de Compostela, 22 de Maio, 2018.- Pleno. O deputado do BNG, Luís Bará tildou hoxe a comparecencia da conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato de “autobombo” e falta de respecto ao presentar as liñas de política en materia de economía circular cando en realidade o Partido popular segue apostando polo proxecto de ampliación en SOGAMA por valor de 335 M€ en quince anos acompañado do macro trasporte con 158 M€ en dez anos. “500 millóns de euros nun modelo inviable e que nin sequera cumpre os obxectivos marcados pola Unión Europea”. Este modelo só lle interesa á “cátedra de Gas Natural-Fenosa. Eses sí que son os verdadeiros beneficiarios da economía circular”, afirmou o nacionalista.
Para o deputado, resulta un “despropósito” que o Partido popular sega defendendo a queima de residuos e non avance cara sistemas de vangarda que defenden o medio ambiente como o que está a utilizar o concello de Pontevedra coa implantación de
Composteiros.
Bará replicou á Beatriz Mato que as formas en política son moi importantes entre elas todas as erres, como a de “respecto” e no resulta respectuoso co Parlamento galego presentar unha estratexia de economía circular cando en realidade nin sequera contan “cun documento ou un power point para explicar as liñas desta política”. O deputado criticou que a conselleira anunciara, precisamente para o día de maná, a presentación das conclusión das mesas de traballo sobre cambio climático ao que hoxe non aludiu na súa intevención. “Así non se fan as cousas en política”, apostilou o nacionalista.
O parlamentario reiterou que a comparecencia de Mato Mato é “vender contidos baleiros e fume embotellado e nada limpo, fume de SOGAMA E ENCE”. Esta comparecencia “simulacro” demostra a ausencia dunha estratexia galega da economía circular e o cambio climático. Teñen vostedes unha visión reducionista da economía circular, e de feito só nos fala da conversión de residuos en recursos pero sen unha folla de ruta propia. Vemos máis grises e marróns que verdes e as súas políticas vai na dirección contraria ás previsións e recomendacións europeas. A economía circular, explicou o nacionalista implica todas as partes do proceso dende a xeración á produción e xestión de recursos. Pero o presentado hoxe obedece máis a unha “operación cosmética e de decorado”.
Luís Bará insistiu en que o capitalismo basease na explotación de recursos, explotación e desigualdade así como nun consumo exacerbado de produtos que logo deben ser eliminados por iso é necesario buscar alternativas que deben pasar pola redución dese consumo que representa unha “ameaza para o planeta”.
Neste marco, a Unión europea lanza o discurso da economía circular, a economía verde e o cambio climático cun plan de acción presentado xa no ano 2015 e a maiores existe un borrador sobre economía circular que vostede nin sequera nomeou na súa intervención porque seguen no camiño de programas pilotos que non van a ningures.
Finalmente, Bará lamentou que Beatriz Mato non aproveitara a ocasión para presentar dende Galiza unha estratexia propia de economía verde circular como acontece en Holanda, Finlandia e mesmo en territorios como Escocia e Catalunya. “Reciclen as pilas e póñanse a traballar” porque son vostedes os campións do autobombo e dos anuncios de borradores que nunca chegan.