Luís Bará pide á Xunta que se poña do lado de Galiza e lidere o traslado de ENCE apostando por un novo proxecto industrial
“Estamos ante unha decisión fundamental para a Ría de Pontevedra e para o monte galego, tómena con valentía e ao servizo do País”, proclama
Pide ao Goberno de Feixóo “diálogo” con todos os actores implicados
O deputado por Pontevedra, Luís Bará, defendeu no Parlamento non só o traslado de ENCE senón que instou ao Goberno do PP a “liderar” esa operación poñéndose do lado do interese xeral en lugar de seguir actuando como representante de ENCE.
“Para esta grande operación de País é preciso o papel activo, o liderado e o impulso da Xunta que ten que exercer como Goberno de Galiza e non como mamporreiro da multinacional, porque ten as competencias en ordenación do territorio, en medio ambiente e en política industrial”, argumentou na súa interpelación ao Executivo.
Unha operación que debe facerse dialogando con todas as partes e que debe servir para poñer en marcha un novo e ambicioso proxecto industrial, tamén con participación pública e non só para beneficio privado.
“Non limitarse ao traslado senón aproveitalo para poñer en marcha un proxecto industrial máis ambicioso que inclúa o peche de ciclo produtivo, cunha fábrica de papel e a produción de novos materiais apostando pola I+D+i”, salientou, mesmo aproveitando os fondos europeos de recuperación Next Generation, e abrir así unha gran oportunidade de futuro tanto para a Ría de Pontevedra como para o sector forestal galego.
Porque ese traslado implicaría máis riqueza e máis emprego, tras a recuperación ambiental de 600.000 metros cadrados entre a cidade do Lérez e Marín, “unha operación de gran calado similar ás que se teñen feito con enorme éxito en cidades como Bilbao ou Barcelona”. E permitiría poñer en marcha outra política forestal, “que permita un monte vivo, biodiverso e multifuncional, que xere madeiras de calidade e produtos con alto valor engadido”.
Bará instou ao conselleiro de Economía, Francisco Conde, a superar “o tempo das portas xiratorias” para dar paso a un tempo novo, “un xiro histórico” poñéndose do lado de Galiza ante unha das mais importantes decisións política, económica e ambiental. “Estamo ante unha decisión transcendental, atrévanse a tomala con valentía, con audacia e a favor do interese xeral do País e deixen de mirar para unha ENCE que conta co superpoder do diñeiro e do IBEX 35”.
O deputado nacionalista refutou as apelacións ao emprego do conselleiro, alegando que o traslado suporía a creación de moita máis riqueza e postos de traballo, “empregos derivados da recuperación e da rexeneración dos terreos, emprego no monte e na industria forestal”.
De feito, Bará lembrou ao PP reclamando e prometendo un traslado que agora ve imposible, proposta que facía precisamente nos peores momentos da crise de 2009 con cifras de paro próximas ao 30%, “ENCE no pode estar na Ría de Pontevedra, dicía Feixóo”. “Que cambiou? O único que motiva o seu cambio son as ordes recibidas desde o PP de Madrid ao servizo do gran capital, igual que fan agora co invasión eólica depredadora que prevén para Galiza”, denunciou, “por unha vez proben a poñerse do lado do interese da maioría social”.