Luís Bará pide a transferencia da competencia de tráfico para loitar contra a sinistralidade viaria
Pon Pontevedra como exemplo a seguir en materia de seguridade viaria: “Evitamos 40 mortes nos últimos anos”
Os datos de sinistralidade de tráfico fan saltar todas as alarma e obrigan a medidas de calado ante a negativa evolución das cifras, tanto por número de accidentes como de vítimas. Na última década morreron 1.278 persoas nas estradas galegas ao que se suma as persoas que sofren algún tipo de lesión, en particular cando se trata de secuelas graves e permanentes.
Neste contexto, o BNG considera urxente acadar a transferencia en materia de tráfico, circulación de vehículos e seguridade viaria para aplicar unha política específica e adaptada á realidade galega. Tamén demandou o desenvolvemento dun corpo de policía galega e, ao mesmo tempo, Bará demandou a convocatoria dunha mesa institucional e social pola seguridade viaria co obxectivo de acordar actuacións extraordinarias e urxentes por parte das administracións “máis aló do desenvolvemento rutineiro do plan de seguridade viaria 2016-2020”.
Os datos son negativos tanto en estradas nacionais como autonómicas, tanto en travesías como en vías urbanas, cunha preocupante incidencia en colectivos máis vulnerables como peóns e ciclistas. Neste contexto, o portavoz parlamentario de infraestruturas, Luís Bará, pide á Xunta que abandone a súa “compracencia” e adopte medidas contundentes como as adoptadas en Pontevedra.
“Mentres que se empeza a falar de reducir a 30 quilómetros por hora a velocidade en vías urbanas dun único sentido, en Pontevedra xa o fixemos en toda a rede viaria pois pensamos que hai que ser moi drásticos porque se está salvando vidas”, recalcou Bará, “en Pontevedra deixaron de morrer 40 ou 50 persoas nestes anos grazas a esas medidas que son moi drásticas, pero é mellor adoptalas que ter que enterrar persoas atropeladas en vías urbanas, moito mellor aínda que haxa molestias por adoptar esas medidas que efectivamente as hai”.
A evolución dos datos mostran que entre 2013 e 2017 o número de accidentes de tráfico pasou de algo máis de 500 sinistros a 1.770, “triplicouse a cifra”, recalcou o deputado por Pontevedra, quen cualificou as cifras de “estarrecedoras” porque detrás de cada dato “hai situacións tráxicas de moito sufrimento que rompen a vida das persoas”. Só en 2018 o número de vítimas mortais ascendeu a 104, 28 máis que en 2017. Ao do drama humano que deixa cada accidente, hai que engadir o impacto económico da sinistralidade de tráfico equivalente ao 1% do PIB.