Luís Bará pide suprimir a peaxe Redondela-Vigo e un plan para solucionar os problemas das obras de Rande
Acusa ao PP de ser cómplice da estafa da AP-9 con novas subidas das peaxes, “un filón de ouro” que aporta a AUDASA 138M€ anuais
O deputado por Pontevedra Luís Bará denunciou que a AP-9 “é a historia dun saqueo legalizado e favorecido por gobernos do Estado de todas as cores, coa privatización a prezo de amigo do PP, precisamente sendo conselleiro de Infraestruturas o señor Feijóo, quen actuou con submisión e vasalaxe traizoando a este Parlamento co veto vergoñento á transferencia desta autoestrada”.
A iniciativa defendida polo Bloque en relación a AP-9 tiña como obxectivo frear a subida das peaxes, suprimir a peaxe entre Redondela e Vigo e unha batería de medidas a favor do Barrio de Chapela, que cualificou de auténtico “mártir” das obras de ampliación da Ponte de Rande “cun impacto brutal sobre esta parroquia”. De feito, reclamou que non se recepcionen as obras de ampliación ata atender as reclamacións da veciñanza e se solucionen todos os problemas causados.
O deputado, que trasladou todo o apoio do Bloque á representación veciñal presente no pleno, defendeu a posta en marcha dun Plan Chapela cunha exhaustiva relación de actuacións para mellorar os espazos públicos, humanizar o barrio, mellorar a súa accesibilidade, seguridade e mobilidade. “Vostedes saberán porque votaron e van votar en contra”, interpelou en relación ao veto do PP, “cando é de xustiza emendar a desfeita”.
Dotacións educativas, corrixir o impacto visual da estrada e autoestrada, urbanizar os espazos públicos na contorna da igrexa parroquial e no conxunto do barrio, sanear os regatos contaminados polas obras, humanizar a N552, medidas de protección acústica en Chapela e Teis, son algunhas das propostas recollidas no plan. “O lóxico tería sido que na gran parte da localidade a autoestrada pasase soterrada evitando o brutal impacto ao barrio”, salientou o deputado.
Máxime tendo en conta os cuantiosos beneficios de AUDASA cuxo propietario é un fondo voitre americano. A AP-9 “é un filón, unha mina de ouro con 138M€ de facturación en 2016, que chegará ate os 4.700M€ ata o remate da concesión, deles 1.500 en beneficios”, sintetizou Bará, “e cando xa pensamos que chegáramos ao límite do roubo anuncian unha nova subida das peaxes”.
Co incremento previsto para Xaneiro a suba das tarifas da AP-9 acumula un 36% en sete anos, mentres que o IPC non chega ao 10%. Por iso, o BNG demanda que non se aplique a subida das peaxes, por contra, que se habiliten de inmediato bonificacións e descontos para os e as usuarias, que se revisen os acordos asinados polos Gobernos do PSOE e do PP, e que sexa o Estado ou a concesionaria quenes asuman as obras de ampliación.
Privilexio franquista
A iniciativa parlamentaria defendida por Bará tamén incluía a supresión do “privilexio franquista” que exime a AUDASA de pagar o IBI aos concellos polos que pasa a infraestrutura, o que implica 9M€ anuais que deixan de percibir os municipios, ao que se suma o feito de que a multinacional paga os impostos en Madrid.
O Bloque critica o “pésimo servizo” que presta a concesionaria e por iso a iniciativa incluía unha serie de medidas concretas: Recuperación de todo o persoal, en particular nas cabinas de peaxe, levantar as barreiras se as retencións chegan ao quilómetro e aplicar sancións para acabar coa desidia da concesionaria que presta un servizo e segunda con tarifas de luxo. “AUDSA ten patente de corso grazas ao PP”, concluíu Bará, ao tempo que reclamaba o apoio ao recurso presentado polo BNG ante o Tribunal Constitucional contra o veto á Lei de transferencia da AP-9.