Luís Bará: "O Pazo de Meirás é un BIC e a Xunta non pode permitir que os Franco saquen o mobiliario"
BNG exixe á Xunta que faga valer a protección como Ben de Interese Cultural (BIC) do pazo de Meirás e non autorice o traslado dos seus bens, logo do último auto da Audiencia Provincial da Coruña feito público hoxe e que, segundo recalca, comparte o “tufo franquista” que caracteriza ao conxunto de autos deste tribunal e que “configuran unha auténtica xustiza ao revés”.
Bará advirte neste sentido de que no fallo se alude a unha incautación por parte do Estado dos bens do pazo, “cando a realidade histórica di que moitos destes bens foron incautados e espoliados, literalmente roubados, pola familia Franco”. “Parécenos absolutamente delirante que se estableza que os Franco deben ser indemnizados cando foi esta familia a que roubou, a que espoliou, a que se fixo con bens que son públicos”, recalca.
O deputado nacionalista denuncia as responsabilidades de Xunta e Goberno estatal “pola nefasta defensa dos intereses públicos” ao non levar “ata as últimas consecuencias” o que se deriva dos inventarios realizados en Meirás que, segundo incide, “poñen de manifesto a existencia de numerosos bens que forman parte de coleccións reais, de coleccións do patrimonio nacional, obras de arte e bens de carácter público”.
Neste sentido, o BNG exixe ao Goberno galego que faga valer a condición do pazo como BIC na categoría de “sitio histórico”, o que supón a protección integral tanto do continente como do contido, “dos bens mobles que forman parte do conxunto porque -afonda o deputado- son fundamentais moitos deles para contar a historia do lugar, do sitio histórico”.
Bará lembra que no ano 2017, cando se incoou o expediente para declaración de Meirás como BIC, “pensouse inicialmente en protexelo como monumento e posteriormente decidiuse, con acerto, protexelo na categoría de sitio histórico” e, segundo reitera, “no decreto de declaración faise referencia a numerosos bens mobles que forman parte do conxunto”. En consecuencia, “exiximos á Xunta que garanta a unidade e a integridade de todos os bens que forman parte do BIC e que, polo tanto, non autoricen o traslado dos mesmos”, conclúe.