Luís Bará: “Ou paran o espolio eólico en zonas protexidas ou presentaremos unha denuncia ante a Comisión europea”
A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno sobre os parques eólicos construídos nos ámbitos de ampliación da Rede Natura, o deputado, Luís Bará afirmou que os intereses da protección da natureza coliden cos do lobby das empresas eléctricas e basta ver o mapa dos desenvolvementos eólicos e dos proxectos que se están a tramitar nesta altura para saber quen gañou esta batalla. Neste sentido, acusou á Xunta de “amparar os intereses das grandes eléctricas paralizando a ampliación da Rede de Natura para implantar novos proxectos eólicos” e avanzou que si o goberno galego “non para o espolio eólico” o BNG presentará unha denuncia ante a Comisión Europea.
O nacionalista criticou a intervención da directora de Planificación enerxética, Paula Uría cualificándoa de “burla” ao Parlamento e “chulería”. Bará recriminou a Uría que non aludira á sentenza do Tribunal de Xustiza de Galiza relativa a Serra do Iribio na que destaca o baleiro en materia medioambiental ao que se amparan as empresas enerxéticas para levar adiante os seus proxectos e a tendencia da administración competente en enerxía a unha “interpretación produtivista” asumindo sen problemas que o incremento da potencia eólica era netamente positiva en termos ambientais, situación que se agrava cando a sociedade non ten canais para a participación no desenvolvemento das renovables que constata “o papel pasivo dos afectados” fronte ao “papel activo dos agresores e beneficiarios”. Este é o contido da sentenza e vostedes están amparando e permitindo actuacións que pasan por riba dos dereitos da xente e que nalgún caso xa están recorrendo aos tribunais.
Bará insistiu en que a lei de Patrimonio de Biodiversidade, defende a “prevalencia da protección ambiental sobre a ordenación territorial e urbanística” así como o principio de precaución sobre as intervencións que poidan afectar negativamente ao patrimonio natural e biodiversidade, premisa que en opinión do nacionalista, colide co proceder do goberno nesta materia como acontece coa apertura de grandes pistas no Roncudo que prexudican gravemente os humedais.
Votedes, recalcou Bará “vulneran o mandato da Comisión europea” sobre a ampliación da Rede Natura coa intención de amparar ás grandes empresas enerxéticas, “35 parques eólicos en zonas de ampliación da Rede Natura” que vostedes están permitindo ou vai permitir se non conseguimos parar esta destrución. “Promoven a destrución” e sobran exemplos como a Serra da Grova, o Suído, Xistral, o río Sor, a Costa da Morte ou a costa Ártabra na que están permitindo e destruíndo hábitats de interese prioritario para a Unión europea.
“Teñan coidado co que fan", reiterou o nacionalista" porque si non paran o BNG presentará un amplo dossier ante a Comisión europea para que lle paren os pés”, concluíu.