Luís Bará: "Os Orzamentos de 2018 non responden ás prioridades das galegas e dos galegos"
Criticou “a pleitesía” do goberno galego ao goberno de Madrid, descoordinación na xestión da vaga de lumes e baixa de execución das inversións proxectadas
O deputado do BNG, Luís Bará criticou hoxe as contas presentadas polo vicepresidente Alfonso Rueda para o ano 2018 afirmando, “son uns orzamentos que non responden ás prioridades de Galiza”.
Para o deputado, os orzamentos “continuistas” da consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Interior responden máis a unha “subdelegación do goberno de Madrid ou xestoría” que a unha administración que aposte polas prioridades do noso país. Vostedes funcionan como unha administración “con piloto automático”, sen dirección e rumbo claro, son “un goberno prescindible”.
Bará afirmou que a administración “é moi pouco eficiente” como demostran os datos de execución do primeiro trimestre. A consellería de Medio Ambiente co 32,92%, Economía e Industria, que debería ser un departamento central, ascende ao 23.89% e Medio Rural o 34,37%, con “todo o que está caendo”. Vostede, dixo dirixindose a Rueda, non pode poñerse de perfil porque é responsable da coordinación e impulso do goberno e criticou que o vicepresidente galego gaste máis enerxías como xefe provincial do PP de Pontevedra cociñando “mocións de censura” e dirixindo a oposición na Deputación e no concello de Vigo que impulsando políticas para mellor a calidade de vida dos galegos e galegas.
Nestes orzamentos, manifestou Bará, “non hai estratexia nin prioridades para respostar a grandes retos entre os que destacou: “o desequilibrio territorial, abandono do rural, o problema demográfico, políticas contra a emigración xuvenil e medidas para combater a desigualdade de Xénero”. Estas cuestións fundamentais para o pobo galegos carecen de importancia para Partido popular pero son “uns fenómenos en practicar pleitesía ao goberno de Madrid”. Feijóo e o seu goberno funcionan como unha delegación de Rajoy e as empresas do IBEX. “Non aprobaron o 155 pero toman as decisión dende Madrid mentres vostedes obedecen de maneira servil” como comprobamos no caso da AP-9.
EMERXENCIAS E POLÍTICAS DE IGUALDADE
Para o deputado, a crise dos lumes “sacoulle as cores” ao sistema de emerxencias e puxo en evidencia a “ausencia de medios e descoordinación”. Ante tanta improvisación, foi cidadanía a que debeu facer fronte ao lume. Estamos nunha situación complexa polo abandono do monte e cambio climático e a resposta non pode ser falar de “orde pública e ataques terroristas incendiarios”. “Estamos ante un problema político e iso non se resolve cun titular”, hai que combater o abandono do monte con outra política forestal e sobre todo incrementando os medios.
O parlamentario criticou a baixa execución nas políticas de Igualdade, protección e promoción da muller cun 41%. As de apoio para mulleres vítimas de violencia de Xénero alcanza o 53%, cantidades das que é mellor, recalcou, “non presumir nin botar foguetes”.
ORZAMENTOS INFRAESTRUTURAS E VIVENDA
Por outra parte, trala presentación dos orzamentos da consellería de Infraestruturas e Vivenda, o deputado lembrou “as contas e contos” que están na memoria e que repiten proxectos que logo non se cumpren.
O deputado tamén criticou a baixa execución en infraestruturas e rehabilitación, dous ámbitos de grande impacto laboral. Entre os proxectos non executados destacou as estacións intermodais, lembrando que xa no ano 2015 a Xunta comprometeuse ás obras da estación de Vigo e no 2016 iniciar as de Ourense e Coruña. Estamos a finais do 17 e a obras non comezaron pero agora anuncian que serán para o ano 2018 polo que pediu máis “axilidade” tendo en conta que teñen unha data límite e contan con fondos europeos.
O goberno non fai unha forte aposta pola mobilidade, o transporte e a vertebración do territorio, sobre todo do rural e do interior polo que reclamou medidas que impulsen a mobilidade sustentable, e sobre todo para o ferrocarril.
O deputado tamén reclamou “modelos urbanos integradores” para xerar dinamismo social e comercial fronte ao modelo de dispersión e desorde no urbanismo e na rede viaria.
Ao igual que fixera coa consellería de Presidencia, Bará reiterou que Infraestruturas e vivenda actua de maneira “submisa con Madrid”, e para mostra, “o veto vergoñento á transferencia da AP-9”. Vostede, dixo, tampouco non nos falou hoxe dos “continuos colapsos” da autoestrada como o de hai uns días na ponte de Rande. Bará preguntou polas medidas que tomará o goberno para resarcir a todas as persoas que durante dúas horas quedaron retidas.
Finalmente, o nacionalista mostrouse moi crítico co novo modelo de transporte escolar e preguntou canto investirá a consellería para resolver os puntos negros da rede viaria e cando a lei de rehabilitación tralo anunciou do plan Rexurde no que Feijóo prometeu rehabilitar 10 mil vivendas nos cascos históricos do rural durante esta lexislatura.
Asemade preguntou polo número de vivendas baleiras e as previsión sobre o Observatorio da vivenda.